Concello de Sanxenxo - Continúan os ensaios da Galicia Brass Band Infantil
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Esta mañá puidemos participar nun dos ensaios que os preto de 40 nenos e nenas do IV Encontro da Galicia Brass Band Intantil, teñen no Pazo Emilia Pardo Bazán.

Entre 8 e 12 anos. Esas son as idades dos grandes músicos que participan nun novo encontro da Galicia Brass Band, procedentes de diversos municipios como Ribadumia, Meaño, Cambre, Caldas de Reis, Barro, Vilanova de Arousa e os propios participantes da Escola de Música Municipal de Sanxenxo.

A pesar da súa curta idade, traballan moi duro, pois teñen ensaios desde as 10.00 h. ata as 13.30 h e pola tarde desde as 16.30 h. ata as 21.00 h. Terán tamén conferencias sobre postura corporal adecuada ou sobre a importancia dunha boa respiración á hora de tocar un instrumento.

Esta noite de martes e mañá mércores, ás 22.00 h. darán un concerto na Praza dous Barcos e se o tempo non acompaña, trasladaranse ao Pazo Emilia Pardo Bazán. O colofón final terá lugar o vindeiro venres día 31 ás 22.00 h. (na Praza dous Barcos), cun concerto que clausurará unha semana de moito traballo.

Diego Javier Lorente, profesor de clarinete e director da Banda de Música de Meaño, adiantábanos no ensaio desta mañá que poderemos gozar de dúas danzas antigas e de sete pezas de ópera, no concerto do venres, con instrumentos de vento metal, como son a tuba, o bombardino, trombón, trompeta e a trompa.

O obxectivo dese concerto final é dar a coñecer unha pequena mostra do que cada un dos nenos e nenas son capaces de facer, a pesar levar moi pouco tempo tocando estes instrumentos. Nalgúns casos, menos dun ano.

Ademais, desde a Escola de Música e o Concello de Sanxenxo queren mostrar o máis profundo agradecemento a todas as persoas que están a facer posible este encontro: participantes, profesores, colaboradores, patrocinadores, membros da organización Brass Band Galicia, etc.

 

 

0
0
0
s2sdefault