Concello de Sanxenxo - O Ministerio de Fomento aumenta en 53.430€ a axuda para a rehabilitación do Pazo de Quintáns na súa resolución definitiva
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O pasado mes de agosto o Concello de Sanxenxo recibía unha resolución provisional que aumentaba os 903.923€ concedidos ata 1.323.035€. Nesa resolución había unha serie de partidas que desde o Ministerio considerábanse como non subvencionables. Esta mañá recibimos unha nova resolución que aclara que unha vez revisadas esas partidas, hai dúas que pasan a ser subvencionables. Concretamente, unha para a instalación de medios auxiliares (37.505€) e outra para a instalación de rega e pozo (15.925€).

Con esta nova resolución, a axuda que o Ministerio de Fomento concede á rehabilitación do Pazo de Quintáns pasa a ser de 1.380.736€. En base a isto, a achega do Concello, verase diminuída desde os 598.329€ ata os 540.628€, con partidas xa reservadas nos orzamentos de 2017 e 2018.

Unha vez aceptada esta nova proposta de subvención, para o que o goberno dispón dun prazo de 10 días, poñeranse en marcha os trámites para a licitación e posterior adxudicación das obras de rehabilitación.

O Pazo de Quintáns, é unha construción espectacular e á vez singular cos excepcionais miradoiros abertos no recinto da horta, o miradoiro na cornixa do xardín barroco ou a galería aberta. Consérvanse neste conxunto, o pazo, a capela, as construcións auxiliares e o hórreo; ademais dos espazos verdes: patrios, praza frontal, xardín e horta murada, todos eles cunha configuración adquirida desde finais do século XVI, como unha posible evolución da torre do Casal de Moldes e no seu caso herdeira da súa relevancia histórica.

O estado actual de conservación do pazo é malo, polo abandono sufrido de forma prolongada, que derivou nun proceso grave de deterioración material e estrutural, producíndose tamén o colapso nalgunhas partes da cuberta e forxados do mesmo.

O edificio do pazo consta de dúas edificacións adosadas construídas en distintas épocas, a máis antiga do século XVII, cunha extensión total de 540 m2. Na súa arquitectura destaca un portalón, unha galería acristalada e unha escaleira entre outros elementos.

A finca de 9.000 m2 ofrece grandes posibilidades a través dunha recuperación paisaxística que permitirá convertela nun xardín botánico que complemente a actividade cultural propia do museo que albergará o edificio principal.

 

 

0
0
0
s2sdefault