Concello de Sanxenxo - Comunicado do goberno
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Criticar unha cousa e a contraria

Hai partidos que aspiran a gañarse a confianza dos veciños de Sanxenxo, defendendo unha cousa e a contraria e iso é un imposible. O PSOE e Marea levan anos criticando os atrasos do parque empresarial, agora, cando despexamos o camiño para a súa posta en marcha, en lugar de recoñecelo, colléronse unha perrencha non sexa que un acerto do goberno prexudique as súas opcións electorais.

É lamentable ver ao PSOE e Marea competir polo titular máis disparatado e unha foto na depuradora de Dena e o parque empresarial. Que Marea se tire ao monte en termos políticos é o habitual, pero parece incrible que un partido como o PSOE, que gobernou este Concello oito anos, en lugar de alegrarse que o parque empresarial arranque, compórtese como un partido radical. Alá eles, corren o risco de que os votantes en lugar da copia prefiran o orixinal.

É falso que o rexeitamento e agora a autorización para verter na depuradora de Meaño produciuse en igualdade de condicións. Para falar antes hai que documentarse minimamente. O informe de Augas de Galicia facilitouse aos medios de comunicación a semana pasada e de feito recollérono nas súas informacións.

Os gastos do diñeiro do AVAL, tanto os da anterior lexislatura como nesta, déronse a coñecer nas tres reunións cos propietarios celebradas no outono do ano pasado. Ás mesmas asistiron os concelleiros da oposición e os medios de comunicación que quixeron. Por tanto, non se pode ser máis transparente respecto diso.

Acúsanos o PSOE de actuar como portavoz da Xunta. Este goberno o único que fixo é informar, primeiro aos propietarios e despois aos medios de comunicación, de que concluiramos a folla de ruta acordada.

O goberno está satisfeito porque cumpriu o seu compromiso cos propietarios e os veciños de Sanxenxo, que son quen se ten que acabar beneficiando do emprego e a riqueza que xere o parque empresarial. Se ao PSOE e Marea moléstalles que o parque xa se poida poñer en marcha, son eles os que teñen que explicarllo aos veciños.

 

 

0
0
0
s2sdefault