Concello de Sanxenxo - O goberno perfila os últimos detalles do proxecto de mellora da zona portuaria de Portonovo que presentará en novembro
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O compromiso que adquiriu o goberno para os dous últimos anos da lexislatura é presentar e acordar con veciños, hostaleiros, comerciantes e mariñeiros un proxecto de mellora da zona portuaria e a súa contorna antes de maio de 2019.

O goberno ten a intención de presentar o proxecto no mes de novembro e, unha vez que este sexa acordado con todas as partes, iniciar as xestións coa Consellería de Mar e con Portos de Galicia, que son os organismos que teñen as competencias. No caso de Portos correspóndelle a aprobación do plan director de usos do porto de Portonovo.

O proxecto ten que cumprir 4 obxectivos:

 

  1. Mellorar e ordenar as instalacións do porto pesqueiro.

  2. Mellorar o porto deportivo e o edificio definitivo de club de piragüismo.

  3. Dotar a Portonovo dun parking cun mínimo de 250 prazas.

  4. Xerar amplos espazos públicos e zonas verdes.

Cada un destes obxectivos leva a ordenación dos espazos existentes, de maneira que non haxa actividades que prexudiquen ou interfiran noutras. Por exemplo, a chaira portuaria onde está o travelift e os barcos en reparación é unha zona que se creou para a actividade pesqueira, pero a falta de espazo obrigou a convertela tamén en parking e, cando hai algún evento, acábase utilizando para a colocación de carpas, escenarios e outros elementos das festas.

En resumo, o proxecto de Portonovo está moi avanzado, trátase dunha actuación moi ambiciosa e complexa que vai permitir á vila mariñeira xerar as condicións necesarias para desenvolver todo o seu potencial económico e turístico. Este goberno leva moito tempo dicindo que Portonovo ten que volver converterse na vila do tapeo por excelencia.

Sanxenxo é unha marca de prestixio moi consolidada como demostran os datos turísticos deste verán. Pero afortunadamente para os veciños deste Concello, temos moitos outros recursos que ofrecer, por tanto, outras marcas cun gran potencial de desenvolvemento. Portonovo vila mariñeira do tapeo, Vilalonga destino de turismo ornitolóxico e natureza e Noalla mestura de patrimonio e paisaxe. Dorrón, Nantes e Bordóns reúnen recursos e características que tamén lles permitirán desenvolver a súa propia imaxe de marca diferenciada.

 

0
0
0
s2sdefault