Concello de Sanxenxo - Onte asinouse en Madrid a constitución dunha rede de destinos turísticos intelixentes
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Alcalde acudía onte á Secretaría de Estado de Turismo en Madrid, para a firma da constitución dunha Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, REDE DTI.

Os principais obxectivos desta rede, serán o fomento da colaboración e a acción conxunta dos integrantes, o asesoramento aos destinos no proceso de transformación dixital, a análise de retos e problemáticas comúns, ou a procura de solucións, tanto tecnolóxicas como de estratexia, entre outros.

Sanxenxo e O Grove presentaron un proxecto conxunto a unha liña de axudas convocada pola Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas, (Segittur), para converterse en destinos intelixentes, outorgando prioridade ás novas tecnoloxías e os soportes dixitais. O obxectivo é ser máis competitivos, ofrecer mellor calidade de vida aos seus residentes e mellorar a experiencia turística dos visitantes. En definitiva, trátase de lograr un uso das novas tecnoloxías que garanta a eficacia do destino.

O orzamento desta actuación ascende a 1.489.996€, dos que resultaron subvencionables 893.997€, que representa un 60% do proxecto, correndo a cargo de Sanxenxo e O Grove o 40% restante.

En Sanxenxo serán unha serie de accións as que leven a cabo en base a este orzamento que pasamos a describir a continuación:

  • “Smart Beach”: Na praia de Silgar levará a cabo un proxecto de “ Smart Beach” ou praia intelixente, para adaptala en canto a equipamento, parámetros ambientais, confort, accesibilidade e posibilidades de interacción co usuario. A comunicación con este sistema será bidireccional, podendo o Concello facer chegar datos sobre a propia praia, eventos da contorna, etc. Pola súa banda o usuario poderá valorar, solicitar servizos e facer suxestións.
  • Xestión da seguridade: este compoñente inclúe a subministración, a instalación e posta en marcha de todos os dispositivos necesarios par a implantar un sistema de videovixilancia orientado ao control do tráfico en diferentes puntos do municipio. Este sistema constará dun equipamento formado por cámaras IP 360º, sistema de gravación, equipo de monitoraxe e software. è
  • Smart parking e intermodalidade: consiste na implantación dunha solución de parking intelixente, para o aparcadoiro en lugares específicos, poñendo en marcha un proxecto piloto de intermobilidade coche bicicleta.
  • Rede de infraestrutura de conectividade sensorizada e hotspots de wifi público: este proxecto céntrase na elaboración dun servizo que permita dispoñer dunha rede de datos que permita o fluxo de información dobre: por unha banda, dar servizo a través dunha rede wifi, mentres que por outro servirá para recoller información destes usuarios para envorcala nun sistema de coñecemento de visitante e veciños.
  • Cartón turístico: un cartón que centralice a oferta de servizos e información ao turista, tanto en versión cartón físico como dixital.
  • Sistema de xestión integral de turismo: para dar un sentido conxunto a todas as iniciativas propostas, Sanxenxo, O Grove e Mancomunidade do Salnés, expoñen a integración das fontes de información resultantes para axudar á toma de decisións de xestión.

Cabe lembrar que hai 17 anos Sanxenxo e O Grove xa compartiron con gran éxito un Plan de Excelencia Turística, que permitiu que ambos os concellos desen un salto de calidade.

Converterse nun destino turístico intelixente supón o establecemento dunha estratexia de revalorización que vai permitir a mellora da competitividade, un maior aproveitamento dos atractivos naturais e culturais, a creación doutros recursos innovadores e o establecemento dunha relación co visitante máis eficiente e interactiva.

0
0
0
s2sdefault