Concello de Sanxenxo - O goberno continúa ampliando o sistema de sinalización intelixente instalado no Municipio
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

En outubro do ano pasado, presentábase unha iniciativa pioneira en sinalización intelixente, xa que Sanxenxo foi o primeiro Concello de Galicia en ter en funcionamento estes sinais indicativos, cun sistema integrado que permite acceder aos usuarios a información de interese para eles.

Ata o momento un destes puntos de sinalización estaba no Porto Deportivo de Sanxenxo e o outro na unión da Avda. de Madrid, co Paseo de Silgar. Agora, e grazas a unha subvención de 17.000€ para a mellora das infraestruturas turísticas da Axencia de Turismo de Galicia, estes puntos amplíanse aos seguintes emprazamentos: 

  • Avda. de León.
  • Inicio Avda. Madrid
  • Panadeira
  • Unión Paseo de Silgar-Luís Rocafort
  • Vicaño
  • 2 no paseo de Baltar
  • Rafael Picó
  • Miradoiro Avda. Pontevedra
  • Miradoiro Peixeira
  • Nas inmediacións do mercado de Portonovo.

 

Con este sistema, con só descargar unha aplicación, Inventrip, pódese planificar unha viaxe no móbil en tan só tres pasos. O primeiro, crear unha axenda de viaxe, organizada en cartafoles por días, restaurantes, rutas, etc. En segundo lugar, navegar e seleccionar os lugares para visitar. E, por último, pódese compartir a viaxe con familiares e amigos a través das redes sociais. Ao achegarnos a eses puntos, automaticamente saltaría unha alerta con toda a información de interese da zona, sen necesidade de datos móbiles nin wifi, soamente a través de bluetooth.

Suso Sueiro, concelleiro de Turismo, sinala que “o obxectivo é continuar traballando para conseguir que Sanxenxo sexa un destino turístico intelixente por excelencia, marcando a diferenza na información que se lles facilita a veciños e visitantes a través do uso das novas tecnoloxías”.

Ademais, desde a concellería adquiriranse uns cartóns coa tecnoloxía NFC. Un sistema cada vez máis usado, co que se poderá recibir información de interese como planos, audioguías, imaxes, vídeos, etc.

 

 

0
0
0
s2sdefault