Concello de Sanxenxo - Sanxenxo acolle a Mostra María Victoria Moreno: "Paisaxes e Personaxes"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Pazo Emilia Pardo Bazán forma parte do itinerario do proxecto expositivo conmemorativo das Letras Galegas 2018 que proseguirá ata finais de ano en concellos da Rede de Dinamización Lingüística.

O Concello de Sanxenxo acolle estes días e ata o 31 de outubro no Pazo Emilia Pardo Bazán a mostra María Vitoria Moreno: “Paisaxes e personaxes”.

Este proxecto expositivo itinerante, co que a Xunta de Galicia réndelle tributo á autora homenaxeada polas Letras Galegas 2018 proseguirá, ata finais de ano, co seu paso por concellos da Rede de Dinamización Lingüística (Lousame, Ordes, Sanxenxo, Vilalba, Ourense e Celanova).

“Con esta exposición rematamos o ano adicado a Mª Vitoria Moreno grazas a colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística que comezou non mes de maio”, declara Paz lago, Concelleira de Educación, Cultura e Xuventude”.

Esta exposición trata de promover e dar a coñecer a figura da autora homenaxeada, unha muller que foi pioneira no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega e que estableceu desde a súa chegada a Galicia como profesora e ata o seu falecemento, un compromiso firme con lingua propia de Galicia e co seu ensino e divulgación, especialmente na infancia e a mocidade.

A mostra convida a descubrir o universo literario da autora, a través de ilustracións dos personaxes principais e dos escenarios de oito dos seus libros, creadas para a ocasión por outros tantos ilustradores e ilustradoras galegos. Coordinada polo humorista gráfico, ilustrador e pintor coruñés David Pintor, tamén participan nela os artistas Nuria Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, responsables e a recreación das paisaxes e dos personaxes que lle dan título á mostra.

Paisaxes e personaxes para festexar as Letras

A imaxe central da mostra promovida pola Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, e da autoría de David Pintor, que mostra ao longo dos seus paneis un perfecto diálogo gráfico doutros oito ilustradores galegos con outras tantas obras de María Vitoria Moreno: “O cataventos”, “A festa non faiado”, “Anagnórise”, “Mar adiante”, “Un cachiño de bica”, “Guedellas de seda e liño”, “Leonardo e os fontaneiros” e “A brétema”.

Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas ao personaxe principal da historia e o escenario no que se desenvolve a mesma, completándoo cun fragmento da obra correspondente. A exposición contén, ademais, tres paneis bibliográficos e dúas vitrinas nas que se ofrece unha recompilación de obxectos persoais da escritora, como a súa primeira máquina de escribir, unhas lentes que levou durante anos, o manuscrito da súa obra “O cataventos” e diversos libros que lle foron dedicados á autora por escritoras e escritores amigos seus, como Xesús Alonso Montero, Fina Casalderrey, Fiz Vergara Vilariño ou Úrsula Heinze.

0
0
0
s2sdefault