Concello de Sanxenxo - Nos últimos 20 anos Sanxenxo converteuse no primeiro destino turístico do norte de España
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Se comparamos o que era Sanxenxo como destino turístico en 1998 e o que é agora en 2018 o cambio foi espectacular. Algúns datos que o avalan. En 1998 Sanxenxo tiña 136 hoteis e unha casa rural, hoxe son 167 hoteis e 6 casas rurais. Entón había unhas 6.000 segundas residencias, hoxe superan as 11.000.

En 1998 as obras do porto deportivo de Sanxenxo estaban paralizadas por ilegalidades e había un enfrontamento entre os pescadores da confraría de Sanxenxo e a empresa Davila, entón propietario da concesión. Hoxe o porto é un dos principais motores económicos, ademais de xerar 30.000 m2 de espazos públicos que a vila de Sanxenxo non tiña e un parking de 400 prazas.

En 1998 ningún hotel abría todo o ano, agora hai 14 que abren os doce meses do ano e 50 que o fan polo menos 8 meses. Sanxenxo conta coa primeira rede hostaleira do norte de España con 9.931 prazas hostaleiras, por diante de Bilbao (8.154), Santiago de Compostela (7.983) e San Sebastián (5.854). Entón Sanxenxo só tiña un hotel de catro estrelas, hoxe ten cinco, todos eles con zonas termais.

O cambio que experimentou Sanxenxo nas dúas últimas décadas explícase pola apertura de novos hoteis e locais de hostalería e a mellora das instalacións e da calidade do servizo dos que xa había. Boa proba diso son os 123 distintivos de calidade que ostenta Sanxenxo.

Tamén o Concello realizou un esforzo importante de xestión e investimento, como a reforma urbana de practicamente a totalidade das vilas de Portonovo e Sanxenxo. Un bo exemplo da transformación é o paseo de Silgar que en 1998 tiña dobre sentido e case non tiña beirarrúas porque os coches aparcaban en ambos os lados. Outro cambio substancial foron as praias en 1998 tiñamos unha soa bandeira azul, a de Silgar, hoxe son 13 praias con bandeira azul, 6 carreiros azuis, ademais do porto deportivo e A Telleira.

Pero ademais das melloras que liderou o Concello e o sector, o cambio non fose posible se o único recurso turístico de Sanxenxo fose o “sol e a praia”. Sen dúbida é o noso principal atractivo, e o que nos converteu no primeiro destino do norte de España no verán. Pero Sanxenxo conta con recursos, culturais, paisaxísticos e gastronómicos que o fan atractivo os 12 meses do ano.

Precisamente esa é a estratexia que vai seguir o goberno. Promocionar Sanxenxo como destino turístico en calquera momento do ano, destacando os recursos culturais e paisaxísticos. Segundo o Instituto Nacional de Estatística o ránking de preferencias dos viaxeiros encabézao o turismo de sol e a praia, seguido do turismo de natureza, o turismo cultural e o turismo de saúde e benestar.

No primeiro somos líderes, no cuarto Sanxenxo alcanzou un nivel relevante pois hai máis dunha trintena de hoteis que ofrecen servizos de saúde e benestar. En canto ao segundo e ao terceiro Sanxenxo ten moitas posibilidades e por iso o goberno está a traballar para poñer en marcha iniciativas que daremos a coñecer proximamente e que nos van a permitir seguir crecendo como destino turístico nos meses da tempada media e baixa.

 

 

0
0
0
s2sdefault