Concello de Sanxenxo - Un total de 14 empresas preséntanse á licitación da humanización da Rúa Progreso
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Onte remataba o prazo para a presentación de ofertas á licitación da mellora da Rúa Progreso, valorada en 2,5 M€. Do orzamento total, un 70%, 1.804.174€, achégaos a Consellería de Infraestruturas e o 30% restante, 773.217€, o Concello.

Despois da redacción do prego de condicións e da licitación da reforma da Rúa Progreso, un total de 14 empresas presentaron as súas ofertas para a execución da obra: Civis Global, Covsa, San José, Acciona, Copasa, Nexia, Espiña e Delfín, Copcisa, Arias infraestruturas, Ovisa, Orega contrucciones, Coviastec, Marconsa e Hordescon.

Agora unha vez se reciba toda a documentación das ofertas, procederase á apertura de sobres e o goberno espera que a valoración e elección da empresa adxudicataria poida facerse non máis aló do prazo dun mes.

Cabe lembrar que a reforma da rúa vaise executar en tres fases, e ata que non se termine a que está en obras, non se iniciarán os traballos na seguinte.

A reforma abarca 1.280 metros que van desde a confluencia entre a Rúa Progreso e a Avenida de Madrid ata a rotonda de Arnelas. O obxectivo principal do proxecto na reordenación dos espazos para vehículos e peóns o que comportase a creación de dúas novas rotondas que permitirán axilizar o tráfico nas cruces máis conflitivos da rúa e a mellora das beirarrúas que pasarán a ter como mínimo 1,8 m.

A mellora da Rúa Progreso contempla 2 glorietas ou rotondas que permitirán axilizar o tráfico e mellorar a seguridade viaria. As rotondas son moito máis eficaces e seguras que os carrís centrais, demasiado estreitos, que agora ten a rúa para regular as súas cruces. A primeira rotonda ten un diámetro de 27 metros e construirase ao comezo da rúa, na confluencia coa Avda. de Madrid. A segunda glorieta, cun diámetro de 28 metros, no cruce entre a Rúa Progreso con Castelao e a estrada de Nantes. Trátase do cruce máis conflitivo que ten a rúa e onde se adoitan xerar importantes retencións.

Está prevista a substitución da rede de saneamento e a creación dunha rede separada de pluviais que evitará os problemas de inundación e saturación da vella rede. Unha nova rede de abastecemento de auga en tubaxe de fundición de 150 mm e o soterramento de parte da rede eléctrica e telefonía.

O mobiliario incluirá 3 tipos de farois de 9, 6 e 4,5 metros de altura, bancos de granito natural e de madeira tratada, papeleiras e varandas.

0
0
0
s2sdefault