Concello de Sanxenxo - O goberno leva a un pleno o vindeiro luns a aprobación do proxecto “Sanxenxo e O Grove: polos turísticos intelixentes”.
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local convoca para o vindeiro luns día 5, ás 9.00h. un pleno extraordinario para a aprobación dun proxecto de actuación denominado “Sanxenxo e O Grove: Polos turísticos intelixentes”, incluído na convocatoria de axudas para o desenvolvemento do “Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España, Destinos Turísticos Intelixentes”.

Ademais, nese pleno tamén se aprobarán as consignacións das anualidades nos orzamentos municipais de 2019 e 2020, que serán de 207. 345€ e 207.345€, respectivamente.

Este proxecto conxunto de ambos os municipios presentouse a unha liña de axudas convocada pola Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas, (Segittur), para converterse en destinos intelixentes, outorgando prioridade ás novas tecnoloxías e os soportes dixitais. O obxectivo é ser máis competitivos, ofrecer mellor calidade de vida aos seus residentes e mellorar a experiencia turística dos visitantes. En definitiva, trátase de lograr un uso das novas tecnoloxías que garanta a eficacia do destino.

O orzamento desta actuación ascende a 1.489.996€, dos que resultaron subvencionables 893.997€, que representa un 60% do proxecto, correndo a cargo de Sanxenxo e O Grove o 40% restante.

En Sanxenxo serán unha serie de accións as que leven a cabo en base a este orzamento que pasamos a describir a continuación:

  • “Smart Beach”: Na praia de Silgar levará a cabo un proxecto de “Smart Beach” ou praia intelixente, para adaptala en canto a equipamento, parámetros ambientais, confort, accesibilidade e posibilidades de interacción co usuario. A comunicación con este sistema será bidireccional, podendo o Concello facer chegar datos sobre a propia praia, eventos da contorna, etc. Pola súa banda o usuario poderá valorar, solicitar servizos e facer suxestións.
  • Xestión da seguridade: este compoñente inclúe a subministración, a instalación e posta en marcha de todos os dispositivos necesarios par a implantar un sistema de vídeovixilancia orientado ao control do tráfico en diferentes puntos do municipio. Este sistema constará dun equipamento formado por cámaras IP 360º, sistema de gravación, equipo de monitoraxe e software.
  • Smart parking e intermodalidade: consiste na implantación dunha solución de parking intelixente, para o aparcadoiro en lugares específicos, poñendo en marcha un proxecto piloto de intermovilidad coche bicicleta.
  • Rede de infraestrutura de conectividade sensorizada e hotspots de wifi público: este proxecto céntrase na elaboración dun servizo que permita dispoñer dunha rede de datos que permita o fluxo de información dobre: por unha banda, dar servizo a través dunha rede wifi, mentres que por outro servirá para recoller información destes usuarios para envorcala nun sistema de coñecemento de visitante e veciños.
  • Tarxeta turística: unha tarxeta que centralice a oferta de servizos e información ao turista, tanto en versión tarxeta física como dixital.
  • Sistema de xestión integral de turismo: para dar un sentido conxunto a todas as iniciativas propostas, Sanxenxo, O Grove e Mancomunidade do Salnés, expoñen a integración das fontes de información resultantes para axudar á toma de decisións de xestión.

 

 

0
0
0
s2sdefault