Un total de 5 guións superaron a fase inicial de selección e serán avaliados para a elección dun gañador no concurso de curtas organizado desde o Centro de Información ás Mulleres, dependente da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade.
Esta actividade destinada ao alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO pretende sensibilizar á mocidade de que os patróns patriarcais e as crenzas discriminatorias para as mulleres son o xerme da violencia de xénero.
Así pois, a elaboración destes guións supón unha ferramenta didáctica moi interesante para a adquisición de valores en relación á prevención da violencia de xénero, xa que desde a perspectiva de que o alumnado se está preguntando como transmitir unha mensaxe didáctica, fortalece as súas propias conviccións e promove valores e actitudes contra a violencia de xénero.
A actividade deu comezo coa presentación do proxecto ao alumnado e con obradoiros de aula para explicar as pautas e as técnicas de elaboración de guións. Unha vez elaborados e entregados ábrese un período de resolución, para que, a finais desta semana, elíxase o gañador do concurso. Este guión será editado e gravado para a súa presentación ante todo o alumnado participante.
Para a valoración os membros do xurado seguirán unha serie de criterios e pautas como son:
- Ver como o alumnado aborda a violencia de xénero dentro das relacións das persoas.
- Destrezas mostradas a favor da igualdade.
- Analizar se o guión impulsa algún tipo de solución ou propostas para que se asenten comportamentos para a prevención da violencia de xénero.
- Análise da mensaxe didáctica final.
- Valoración da orixinalidade e creatividade do guión.
- Valoración global do guión no seu conxunto.
Este proxecto enmárcase dentro de Sanxenxo en Igualdade. Un proxecto redactado desde o Centro de Información ás Mulleres que establece unha serie de actuacións dirixidas á sensibilización que se pautan como fundamentais e necesarias. Debendo comezar na infancia e a adolescencia, transmitindo valores que cuestionen os mitos sexistas e acheguen novas formas de crecer en igualdade. Todo para construír unha sociedade máis xusta e equilibrada. Programa financiado a través da Deputación de Pontevedra.
MESA LOCAL DE VIOLENCIA DE XÉNERO
O pasado 31 de outubro tivo lugar a mesa local anual sobre violencia de xénero á que asistiron, a concelleira de servizos sociais e igualdade, Silvia Freire, a xefa da unidade contra a violencia á muller da Subdelegación do Goberno, representantes da Garda Civil, membros da Policía Local, un doutor, a asesora xurídica e a directora do CIM.
Nesta reunión fíxose unha análise e valoración da situación e evolución da violencia de xénero en Sanxenxo, así como un estudo desde o punto de vista xudicial e da coordinación necesaria entre organismos para a abordaxe deste tema.
Por último, analizáronse casos e expuxéronse novas ideas e proxectos que serán valorados para a súa posta en marcha no municipio.