Concello de Sanxenxo - O goberno presenta un orzamento de 39,6 M€, que inclúe 3 M€ de investimentos sen recorrer a endebedamento e baixando un 10% o IBI e conxelado a maior parte de taxas e impostos
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O goberno entregou hoxe na Xunta de Portavoces a documentación do orzamento de 2019. A próxima semana celebrarase unha Comisión de Facenda e uns días despois o Pleno para a aprobación inicial.


É o terceiro orzamento que presenta este goberno en 17 meses e facémolo en tempo e forma para que poida estar operativo o 1 de xaneiro de 2019, como esixe a Lei de Réxime Local.


Fronte aos prognósticos catastrofistas que algúns partidos lanzaron anos atrás, os datos avalan que Sanxenxo alcanzou unha estabilidade e un nivel de saúde económica que lle permite, por unha banda, reducir un 20% o IBI nesta lexislatura, baixándoo ao mínimo legal 0,40%. E, doutra banda, destinar 3 M€ a investimentos en 2019 sen ter que recorrer para iso a ningún endebedamento.

Ao contrario, durante o 2018 Sanxenxo amortizou 2,2 M€ de débeda o que deixa o total do endebedamento en menos de 3,8 M€, que representa menos do 25% dos recursos ordinarios, é dicir 50 puntos por baixo do que permite a Lei de Estabilidade Orzamentaria, xa de seu moi esixente.


O orzamento total do Concello en 2019 ascende a 39,6 M€.


• Entidade local: 29,4 M€


• Terra: 2,8 M€


• Nauta: 1,7 M€


• Insua: 4,2 M€


• Turismo Sanxenxo: 1,3 M€


Unha novidade importante este ano é que Turismo de Sanxenxo asume a xestión de todos os servizos e o persoal da tempada alta, incluíndo praias e reforzos de limpeza. Partidas e recursos que ata agora incluíanse no orzamento de Terra.


Esta nova organización orzamentaria ten varias vantaxes:


1. Darlle a Turismo Sanxenxo a importancia que lle corresponde en función do peso que esta actividade económica ten en Sanxenxo.


2. Maior flexibilidade e eficacia na contratación de servizos e persoas, podendo responder con máis axilidade ás necesidades puntuais que xere a tempada alta ou a organización dun evento.


3. Vai supoñer un aforro duns 150.000 € anuais polos servizos que o Concello contrata e polos que paga IVE, pero ata agora non podía desgravárselo.


A partir de 2019, Turismo de Sanxenxo como calquera outra sociedade fará a súa declaración en base ao IVE soportado.


No orzamento tamén destacan os 3 M€ de investimentos que se distribúen da seguinte forma:


• Financiamento de proxectos con outras administracións: 1,5 M€ para o financiamento da anualidade de 2019: Rúa Progreso, Pazo Quintáns, Urbanización dos terreos de Ou Revel, Vilalonga, Edificio Socio Cultural de Vilalonga e Club de Piragüismo.


• Diversas actuacións nas 7 parroquias: 1,5 M€ para dotación e melloras na rede de saneamento e auga, asfaltado de viarias, rede de iluminación, etc.


En resumo, o Concello de Sanxenxo goza de estabilidade orzamentaria. Ten unha importante capacidade de investimento sen recorrer ao endebedamento e habendo reducido o IBI e conxelado os impostos e as taxas municipais.



 

 

 

 

 

 

 

0
0
0
s2sdefault