O Concello de Sanxenxo acenderá na ponte de decembro a iluminación ornamental de Nadal, que se instalará con motivo destas datas nos diferentes lugares do municipio. A iluminación estenderase ata o 7 de xaneiro, en horario de 18.00 h. a 02.00 h. cada día.
O goberno quere ir ano a ano potenciando as datas do Nadal co obxectivo de converternos en destino de nadal. Queremos facer Sanxenxo máis atractivo durante o período do Nadal de forma que nos permita atraer máis visitantes que se hospeden nos nosos hoteis, pero tamén a miles de familias que son propietarias dunha segunda residencia, e non teñen por costume visitarnos nesas datas. Se lles damos razóns para facelo é evidente que a súa estancia contribuirá a aumentar a actividade comercial e hostaleira.
Dentro da estratexia de potenciar o Nadal, Sanxenxo investirá ese ano 83.000€ na súa iluminación, o que supón máis do dobre que o ano 2017, no que se investiron 40.500€. Aquelas cidades ou concellos que fixeron un esforzo económico mellorando a súa iluminación do Nadal víronse sobradamente compensados mediante un incremento de visitantes e da actividade comercial. Por tanto, o goberno considera que o esforzo que facemos este ano é un investimento na marca Sanxenxo cuxo retorno verase en anos posteriores.
Dos 140 motivos do Nadal que iluminaron as rúas o pasado 2017, este ano instalaranse un total de 335, notándose este incremento nas sete parroquias do Concello. Hai un reforzo de iluminación que contempla novidades en zonas que ata agora non se iluminaban: estradas EP9213 (Dorrón) EP9202 (Bordóns), PO-308 e PO-504.
Preténdese iluminar todas as vías que unen cada rotonda, conseguindo así un efecto de iluminación que abarca máis distancia. A decoración vai virar ao redor de dous motivos, en farois e con arcos transversais. Todos eles con deseños onde se fan presentes figuras do nadal tales como estrelas, bóla, combinados con dourados, vermellos e azuis. Pero a idea é que en todo o municipio se perciba un incremento da ornamentación, así como a mellora da calidade da mesma.
Apóstase por un deseño innovador, que inclúa unha ornamentación que coida o detalle e confíase na colaboración da cidadanía no coidado de toda a decoración, xa que resulta imprescindible para a súa conservación durante toda a campaña do Nadal.