Dende hai un tempo e máis concretamente nestes últimos meses os roubos en establecementos e a particulares víronse aumentados na parroquia de Vilalonga.
Entre os veciños e comerciantes existe un sentimento de preocupación e de alarma, non sentíndose seguros e con temor a represalias. Hai unha persoa perfectamente identificada e estase estendendo un sentimento de desánimo ao comprobar que pese a ser detido e identificado, o autor rapidamente é posto en liberdade.
Esta mañá o Alcalde estivo con veciños da zona e ademais, púxose en contacto coa Subdelegación do Goberno, quen tamén están moi preocupados polo tema, co obxectivo de tomar as medidas que permitan a recuperación da tranquilidade dos veciños e comerciantes de Vilalonga.
O pasado mes de xuño o goberno local enviou unha carta ao xulgado no que se están tramitando as denuncias, para transmitir o sentimento de preocupación, alarma e medo que estaba a xerar unha soa persoa.
Ademais, reforzouse a vixilancia por parte da policía local durante a noite e o goberno mantén un contacto constante co posto da garda civil, que xa en varias ocasións no que vai de ano, detivo á persoa que está a xerar a alarma entre os veciños.