Concello de Sanxenxo - Un tramo da Rúa Progreso será cortado durante un mes
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Despois de estudar varias opcións, por motivos de seguridade decidiuse que un tramo da rúa permaneza cortado durante un mes.

A próxima semana comezarán os traballos na terceira fase da Rúa Progreso e por motivos de seguridade, o tramo que vai desde a Rúa Sanxenxo ata o entroncamento da Rúa Progreso coa Avda. de Madrid, permanecerá pechado. E é que nesta zona é necesario instalar un colector. É dicir, un conduto da rede no que verten as súas augas diversos ramais das tubaxes.

Como para a instalación deste colector é necesario facer escavacións de ata tres metros de profundidade, faise incompatible o tránsito de vehículos pola zona, debido a que coas vibracións poderíase producir un derrube, supoñendo un risco para a seguridade viaria e para a seguridade persoal dos propios traballadores. É por iso, e para axilizar os traballos da instalación, que se decidiu realizar este corte.

O tránsito que circule en sentido Sanxenxo-Pontevedra, terá que subir pola Rúa Sanxenxo e volver incorporarse á PO-308 na zona de Miraflores ou na zona de Nanín. E, aqueles vehículos que circulen en sentido contrario, é dicir Pontevedra-Sanxenxo, terán que facelo pola Avda. de Madrid e o Paseo de Silgar.

As paradas de autobús quedarán, unha á altura do hotel Terraza, onde xa está nestes momentos, e a outra na intersección entre Rúa Progreso e Avda. de Madrid.

Lembrar os aparcadoiros disuasorios habilitados con motivo das obras. Un destes aparcadoiros, é o situado detrás do Novo Templo de Sanxenxo, ao que ata agora soamente se podía acceder pola zona da Florida e que esta semana, a empresa adxudicataria da obra está a encargarse de habilitar un novo acceso a este aparcadoiro pola Rúa Constitución, unha rúa que actualmente non ten saída.

Ademais, esta chaira estará conectada con outro aparcadoiro disuasorio situado na zona de O Tombo, detrás da escola infantil municipal, por un viario que a propia empresa está a acondicionar tamén.

Aquelas persoas que dispoñan dunha praza de garaxe no tramo de avenida cortado, ademais destes aparcadoiros disuasorios terán á súa disposición o parking de Nauta, de forma gratuíta.

O goberno local, é consciente de que as obras poden causar molestias a veciños, comerciantes e visitantes, pero ponse a total disposición, así como tamén o fan os técnicos municipais e os propios técnicos da empresa, para colaborar e solucionar calquera inconveniente que suceda. Ademais, calquera dúbida ou suxestión, poderá ser consultada no servizo de atención ao cidadán na planta 1 do Concello.

0
0
0
s2sdefault