Concello de Sanxenxo - O goberno licita a rehabilitación do Pazo de Quintáns, que será un museo do patrimonio cultural
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno licitará nas próximas horas a rehabilitación do Pazo de Quintáns, que será un museo do patrimonio cultural do Concello de Sanxenxo.

O Concello dispón de 1.917.093€ para afrontar a rehabilitación do Pazo de Quintáns. 1.376.465€ proceden da axuda concedida polo Ministerio de Fomento. Inicialmente a axuda era de 903.923 €, pero viuse incrementada, primeiro con 419.112€ e máis recentemente cunha nova achega de 53.430 €.

A rehabilitación deste pazo ten como obxectivo ser un museo de todo o patrimonio arqueolóxico, arquitectónico e botánico non só da parroquia de Noalla, senón tamén de todo o municipio, como pode ser coa incorporación de información relacionada cos castros de Nantes e de Dorrón.

O pazo de Quintáns albergará a historia de Sanxenxo e é por iso que se rehabilitarán 1.214 m2 que suman o seu edificio principal, o seu hórreo (55 m2) e os edificios auxiliares (304 m2).

Na planta baixa do edificio principal poderemos atopar unha tenda, oficinas e o recibidor principal das instalacións. E, na planta superior, acondicionaranse 5 salas. Unha delas será un miradoiro galería á “paisaxe máis bonita de Galicia” como xa destacou no seu momento Otero Pedrayo. Haberá dúas salas de exposicións permanentes e unha de exposicións temporais. Ademais, tamén se acondicionará unha sala de proxeccións.

Nos edificios auxiliares, destacan as salas de arqueoloxía e o establecemento de restauración. Por último, no hórreo poderemos atopar unha sala de valores naturais e botánicos, tanto do propio pazo como da zona.

O PAZO

O Pazo de Quintáns, é unha construción singular cuns espectaculares miradoiros sobre a horta e sobre a enseada da Lanzada e O Bao.

O estado actual de conservación do edificio principal é malo polo abandono sufrido de forma prolongada, que derivou nun proceso grave de deterioración material da cuberta e forxados do mesmo. Con todo, o muro de mampostería que rodea toda a leira, de máis de 9.000 m2, está moi ben conservado. En canto ao inmenso xardín hai que cualificalo dun auténtico tesouro botánico.

A filosofía principal do proxecto de rehabilitación, que foi redactado por Mario Crecente e Asociados Consultores, é manter as estruturas orixinais do Pazo, sen derrubar fachadas, nin cubertas. En definitiva, non se fará ningún cambio que modifique a estrutura orixinal do edificio.

O equipo técnico que redactou o proxecto está formado por licenciados en historia, arqueoloxía e enxeñeiros que acreditan experiencia en traballos con bens declarados de interese cultural.

 

0
0
0
s2sdefault