Concello de Sanxenxo - O Alcalde reúnese co Vicepresidente da Xunta de Galicia para tratar temas relacionados coa seguridade de Sanxenxo
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, mantivo onte unha reunión co Vicepresidente da Xunta de Galicia e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, en Santiago de Compostela. Nesta reunión, entre outros puntos, tratáronse principalmente tres temas relacionados coa seguridade do municipio, unha das principais preocupacións e prioridades do Goberno Local.

O Alcalde informoulle que o Concello está a redactar un proxecto para a construción dunha nova sede para o servizo de emerxencias. A intención do goberno é acometer un proxecto nas parcelas municipais do parque empresarial de Nantes, para a construción dunha nave de aproximadamente 800 m2, que dote a este servizo dunhas instalacións modernas e máis operativas. As novas instalacións contarán cun parque cuberto para vehículos e material, unhas oficinas e unha zona de descanso para as gardas dos bombeiros.

A seguridade é unha prioridade do goberno e así o demostrou as dúas tempadas altas de 2017 e 2018, co incremento da vixilancia nas praias e a contratación do triplo de auxiliares de policía, en concreto 43 en 2018 fronte aos 17 do 2016.

O Alcalde convidou ao Vicepresidente a unha visita ás instalacións da policía local, para coñecer de primeira man o seu traballo e organización diaria e a planificación de todo o operativo da tempada alta no que o Goberno xa traballa.

Falouse tamén da posibilidade de dotar a Sanxenxo dunha oficina móbil para este servizo. Un vehículo que, cun orzamento aproximado de 100.000€, podería facilitar a elaboración, in situ, de atestados de seguridade viaria, de atestados ambientais, e contaminación acústica e, servir tamén como un punto móbil de atención ao cidadán, facilitando tanto información como a presentación de denuncias sen necesidade de trasladarse ás oficinas centrais.

Por último, o Alcalde quixo agradecer a recente entrega de material para o servizo de Emerxencias, coa moto de auga e o furgón de útiles varios, que continúan ampliando e mellorando o material do que dispón devandito servizo.

 

 

 

0
0
0
s2sdefault