Concello de Sanxenxo - Sanxenxo avanza cara unha xestión máis sostible dos seus residuos
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A directiva de residuos da Unión Europea establece que os concellos deben tomar medidas para que a partir do ano 2020 se reciclen o 50% dos residuos producidos nos fogares. Para acadar este obxectivo é fundamental tratar a fracción orgánica, xa que representa o 42% da bolsa do lixo.

O Concello de Sanxenxo comeza a dar pasos importantes para mellorar o tratamento dos residuos orgánicos mediante a compostaxe. A compostaxe consiste nun proceso biolóxico controlado de oxidación de restos orgánicos polo que se obtén un fertilizante beneficioso para a terra.

O Concello de Sanxenxo adheriuse no ano 2016 ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, e instalou o Centro de Compostaxe Comunitaria do Parque do Espiñeiro de Portonovo. Neste Centro os veciños participantes acoden a depositar os seus residuos orgánicos, para que sexan reciclados no propio lugar. No ano 2018 este centro recibiu e tratou un volume de 13.400 litros o que supón case 10 toneladas de residuos orgánicos. Do proceso da compostaxe destes residuos obtívose no 2018 unha cantidade de 6.300 litros de compost que se repartiu gratuitamente entre os veciños. O compost é un excelente abono para as plantas, que se pode aplicar tanto en hortas e xardíns como en macetas. Debido a isto, a demanda de compost é alta e os participantes están moi satisfeitos co sistema de compostaxe comunitaria.

O sistema máis sinxelo para compostar en vivendas que teñen espazo na horta ou no xardín son os Composteiros Individuais. Nos últimos anos a área de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo repartiu 100 Composteiros Individuais cedidos por SOGAMA.

Para desenvolver a implantación da compostaxe, o Concello contratou a finais do ano 2018 a un Mestre Composteiro. Encárgase do mantemento dos Centros de Compostaxe Comunitaria e de potenciar a implantación de Composteiros Individuais en vivendas illadas, realizando visitas aos fogares para asesorar sobre compostaxe e realizar o seguemento do proceso. Nos próximos días visitará as 42 vivendas do lugar do Castro na parroquia de Dorrón, como experiencia piloto para promover a xestión dos residuos orgánicos mediante Composteiros Individuais.

O Concelleiro de Medio Ambiente, Juan Antonio Deza manifesta “Sanxenxo avanza cara unha xestión máis sostible do lixo, tratando in situ a materia orgánica reduciranse as emisións de CO2 a atmósfera”.

O tratamento da materia orgánica a través da compostaxe implica unha redución das rutas de recollida a nivel local e o seu posterior transporte ata a planta de tratament, o que supón un beneficio tanto ambiental como económico. Para que este novo sistema funcione é imprescindible a colaboración da veciñanza.

Para máis información e resolver dúbidas relacionadas coa compostaxe pode dirixirse a Oficina de Medio Ambiente no teléfono 986 744 909 ou no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

0
0
0
s2sdefault