Concello de Sanxenxo - PASTORA VIEIRA PIÑEIRO SERÁ GALARDOADA CO PREMIO Á TRAXECTORIA DA MULLER
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A concellería de Servizos sociais e Igualdade, e en concreto, o centro de información ás mulleres do Concello de Sanxenxo, creaban o ano pasado o Premio Honorífico á Traxectoria das Mulleres. Un premio así se outorgou en anteriores ocasións, pero esta era a primeira vez que se fai regulado cunhas bases e que foron os veciños os que puideron facer as propostas.

Este premio pretende facer visible, recoñecer e difundir a traxectoria persoal, social, cultural, profesional e/ou empresarial das mulleres do noso municipio.

Para optar a este premio era necesario cumprir o requisito de nacer, ter residido ou residir en Sanxenxo e as candidaturas puideron ser presentadas por iniciativa propia, a iniciativa de terceiras persoas ou a proposta dalgún dos membros do xurado.

Presentáronse un total de 8 candidaturas. Estas foron propostas por diferentes asociacións, por persoas a título persoal, ou a través de colectivos.

En concreto, a candidatura de Pastora foi presentada polo Taller de Memoria de Noalla e foi elixida polo xurado como gañadora entre todas as participantes, porque conxuga nunha persoa a traxectoria vital, empresarial e social.

Pastora representa a moitas mulleres de Sanxenxo, traballadoras e loitadoras que tiveron que tirar da súa familia, pero por encima de todo representa a esas mulleres pioneiras que romperon cos estereotipos, realizando profesións tradicionalmente masculinas. Foi das primeiras mulleres en sacar o carné de conducir, en usar un tractor e en traballar os campos de albañilería, cantería, pintura, bateas, etc. Tamén destaca pola súa labor social axudando e colaborando coa veciñanza da parroquia de Noalla. Na actualidade forma parte da directiva do Club de Xubilados de Noalla e da Comparsa desta parroquia desde os seus inicios.

Este recoñecemento seralle entregado o próximo día 9 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Muller, nun acto cheo de moitas sorpresas e emocións.

 

0
0
0
s2sdefault