O Alcalde e os Concelleiros Jaime Leiro, Seguridade cidadá e Daniel Arosa, Servizos sociais, Deportes e Mocidade mantiveron a primeira reunión cos departamentos e servizos de cada concellería.
O Alcalde e Jaime Leiro visitaron a sede da policía e mantiveron unha reunión na alcaldía, na que estiveron presentes o Inspector Xefe e o Cabo da policía. Falouse da composición do persoal, do operativo de reforzo do verán e as necesidades do servizo.
Posteriormente o alcalde e o concelleiro desprazáronse ata as dependencias do servizo de emerxencias onde saudaron aos tres bombeiros que estaban de garda e mantiveron un breve encontro con Pablo Leiro, o bombeiro responsable das oficinas e creador das innovadoras aplicacións informáticas que ten este servizo. Tamén saudaron aos socorristas e sanitarios que estaban a participar nunha sesión de formación.
Jaime Leiro, destacou “afronto este reto con moitas ganas de traballar para seguir mellorando a seguridade cidadá, unha prioridade do goberno”.
Pola súa banda, Daniel Arosa, coñeceu ao persoal de deportes e mocidade e ao do departamento de servizos sociais. En deportes púxose rapidamente ao día para coñecer todos e cada un dos clubs que hai no Concello, cos que terá unha rolda de chamadas para presentarse e pautar unhas reunións con eles. En mocidade coñeceu as diferentes accións que integran o programa “+ Xuventude, máis Concello”.
Nas instalacións de Portonovo o alcalde e o concelleiro estiveron co persoal de servizos sociais coas que Daniel Arosa ten previsto reunirse individualmente para coñecer de primeira man cada departamento.
Daniel Arosa, destaca “chego á concellería con moita ilusión e con ganas de mellorar as diferentes áreas da miña competencia”.