Concello de Sanxenxo - A mellora da Casa de Don Fernando estará lista en agosto
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O CONCELLO DESTINA 12.815 € ADICIONAIS PARA A COMPRA DE MOBILIARIO E MATERIAL TECNOLÓXICO

En abril adxudicouse á empresa Construcciones Castro Figueiro as obras de mellora da Casa de Don Fernando por importe de 134.000€. O obxectivo é mellorar a accesibilidade e a confortabilidade do edificio que, unha vez que conclúan as obras, converterase en sede da Casa da Mocidade.

A actuación contempla a adecuación das instalacións á normativa vixente, xa que o edificio e a parcela na que se atopa non reunían as condicións de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida. Para emendalo, redactouse un proxecto de supresión de barreiras arquitectónicas, que inclúe a instalación dun ascensor panorámico hidráulico cunha cabina de 1,10x1,40 metros e que precisamente se está a instalar esta semana.

A mellora incluíu a corrección dos problemas de humidade que había na parte inferior dos muros, así como a instalación de divisións de pladur para lograr un mellor aproveitamento do espazo do edificio.

A reforma complementarase coa compra de novo mobiliario e equipamento tecnolóxico para os que se investirán 12.815€ adicionais. Paz Lago, Concelleira de Cultura e Educación, solicitou en marzo a concesión dunha axuda económica á Consellería de Cultura e Turismo que finalmente financiará a metade coa achega de 6.279€, o resto poñerao o Concello. Van adquirir mesas, cadeiras, despachos de billetes, andeis, un computador, un proxector e unha pantalla.

A Casa de Don Fernando, construída en 1900, dispón dunha leira xardín de 800 m2. O Concello fíxose coa propiedade mediante un convenio e rehabilitouna na lexislatura 2003-2007. Aínda que se conservaba en bo estado, estaba infrautilizada e, ademais, necesitaba algunhas melloras para poder ser a sede que centralice as actividades e a información da mocidade.

0
0
0
s2sdefault