Concello de Sanxenxo - O Xulgado Contencioso Administrativo da a razón ao Concello de Sanxenxo no recurso pola exclusión dunha subvención de 500.000 € pola Deputación de Pontevedra
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

En 2018 o Concello de Sanxenxo interpuxo recurso perante o xulgado nº 1 do contencioso administrativo de Pontevedra, un recurso contra o acordo da Deputación do 28 de setembro de 2018 no que se aprobou a exclusión de Sanxenxo no procedemento de solicitude dunha subvención de 500.000 €. Subvención destinada á remodelación integral e mellora da mobilidade e a seguridade viaria na contorna do CEIP Portonovo valorado en 830.000 €.

O organismo provincial xustificou a exclusión por presentar fóra de prazo a resolución do Concello na que se certificaba a aprobación en Pleno do proxecto. Sanxenxo achegou a documentación que demostraba que a solicitude se fixo en prazo e cumpríronse rigorosamente as bases da convocatoria.

A resolución argumenta que unha vez estudada e analizada a documentación comprobouse que:

• Dentro do prazo inicial de presentación das solicitudes (xuño de 2018) o Concello achegou o proxecto técnico da obra, xunto coa xustificación de solicitar as autorizacións sectoriais necesarias para a súa aprobación.

• Que dentro do prazo de 10 día hábiles que posteriormente se lle concedeu para emendar deficiencias, o Concello achegou a resolución formal do alcalde do 3 de setembro de 2018 que acreditaba a aprobación do proxecto técnico da obra e as autorizacións sectoriais preceptivas de Costas do Estado, da Axencia Galega de Infraestruturas e de Augas de Galicia.

Por tanto, e tal e como se detalla na resolución xudicial: ”No momento no que concluíu o prazo de corrección de deficiencias e antes da valoración das candidaturas pola comisión técnica, a do Concello de Sanxenxo xa cumpría os requisitos formais necesarios para poder concorrer ao procedemento de outorgamento das subvencións.”

A resolución falla que a Deputación terá que retrotraer o expediente ao momento inmediatamente anterior á resolución na que excluíu ao Concello de Sanxenxo desta subvención, conservando todos os trámites que se realizaron ata o momento. A Deputación dispón dun prazo de 2 meses para cumprir a sentenza. Isto farase para valorar se efectivamente a Sanxenxo correspóndelle esta subvención cumprindo as bases da convocatoria.

Hai que lembrar que no seu momento o goberno bipartito da Deputación dixo que a reclamación respondía a unha estratexia política do Partido Popular. Despois desta resolución xudicial cabería pensar que se houbo estratexia política sería por parte do bipartito provincial.

0
0
0
s2sdefault