Concello de Sanxenxo - Abal S.A. será a empresa encargada das obras de remodelación da Casa Priorado de Arra
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Nas próximas semanas, a empresa ABAL S.A, será a encargada de executar as obras de remodelación da Casa Priorado de Arra.

A esta licitación presentáronse un total de 7 empresas e as obras foron adxudicadas por 170.400€, que serán financiados con cargo ao Plan Concellos bianual.

Esta actuación é a terceira fase dun proxecto de reforma integral de maior envergadura. Trátase dunha edificación tradicional na que se realizarán agora obras interiores.

A Casa Priorado ten dúas edificacións independentes que pechan o patio central, que articula todos os espazos da Planta Baixa. Nesta planta van acondicionar un local de ensaios, dous locais para asociacións, un terceiro local a modo de almacén, aseos masculinos e femininos, un distribuidor e un alpendre.

Na primeira planta farase unha sala de usos múltiples, un despacho, un almacén e un hall. Entre as dúas plantas suman unha superficie útil de 480 m2.

Algunhas das actuacións contempladas no proxecto: 

  • Revestimentos de chans (pavimentos).
  • Revestimentos de paredes.
  • Revestimentos de teitos.
  • Fontanería: a instalación de fontanería, tanto de auga fría como quente, executarase en tubaxes de polietileno reticulado ou outro material que garanta unhas prestacións similares.
  • Saneamento e evacuación de augas: a rede de saneamento irá executada mediante tubaxe enterrada de PVC, coas correspondentes arquetas a pé de bajante, de paso e de rexistro. A evacuación de augas dispoñerá dun sistema separativo de augas pluviais e residuais.
  • Electricidade, iluminación, telefonía e TV.
  • Ventilación: Dispoñerase un sistema de ventilación híbrido.
  • Calefacción: Disponse un sistema de calefacción mediante radiadores de aluminio.

Esta nova actuación no Priorado de Arra permitirá convertelo nun centro sociocultural para uso e goce de todos os veciños, non só do lugar, senón de todo o municipio.

Con esta terceira fase, e as dúas anteriormente realizadas, súmase un investimento total na casa de 399.000€.

A Casa Priorado de Arra é unha edificación de carácter tradicional, actualmente sen uso, que no seu momento foi vivenda duns monxes benedictinos relacionados co Mosteiro de Armenteira. E, recentemente levouse a cabo unha actuación importante, que consistiu na restauración da cuberta e os muros de cerramento da edificación, na que se investiron 190.000€. Ademais, instaláronse xanelas e portas cun orzamento aproximado de 24.000€.

 

0
0
0
s2sdefault