Concello de Sanxenxo - A Concellería de Medio Ambiente actualizará a ruta dos carballos de Aldariz
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Concellería de Medio Ambiente investirá, 11.300€ no acondicionamento e mellora da ruta dos carballos de Aldariz.

Co obxectivo de poñer en valor os elementos de gran valor cultural, etnográfico e histórico que temos no noso concello, o goberno local levará a cabo esta actuación que será financiada a través dunha subvención de rehabilitación e sinalización de patrimonio da Deputación de Pontevedra.

Hai 19 anos que se creou por primeira vez a Ruta dos Carballos de Aldariz. Dende ese momento ata hoxe o mantemento foi inexistente, por iso se atopan sen sinalización e cos elementos totalmente deteriorados.

Esta ruta recorre as parroquias de Padriñán e de Bordóns, e conecta camiños que discorren por importantes puntos do noso patrimonio histórico, artístico e cultural. De feito, algún destes lugares figuran no inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, como é o caso do Con da Ventureira, igrexa de Bordóns e os muíños e lavadoiro de Bordóns.

Con esta actuación sinalizarase este camiño por onde discorría a antiga ruta, con postes direccionais, frechas indicadoras, paneis informativos e mesas interpretativas dos bens polos que discorre o sendeiro. Para iso instalaranse:

- 37 postes de madeira redondos indicando o camiño.
- 7 postes con frechas indicativas de dirección.
- 3 paneis informativos de 142X85 cm, que se situarán no inicio, no medio e no final da ruta. Estes paneis conterán os principais datos da ruta (esbozo, punto no que nos atopamos, descrición do camiño e reseñas dos principais elementos culturais, antropolóxicos e arquitectónicos que nos vamos a atopar ao longo da ruta).
- 3 mesas interpretativas de 100X52 cm. Cada mesa terá unha temática diferente, en función do elemento cultural ou patrimonial a destacar: O Con da Ventureira, Igrexa de San Pedro de Bordóns, e Muíños e lavadoiro de Bordóns.

As rutas peatonais y de sendeirismo non se limitan exclusivamente ao litoral. No interior das 7 parroquias de Sanxenxo hai espazos tan atractivos como esta ruta dos carballos en Aldariz de 6 km, que se inicia en Padriñán e conclúe en Bordóns. A ruta do río Fabaiños de 4,7 km desde Portonovo a Noalla e na que se está a traballar para conseguir as cesións necesarias que permitan crear un amplo paseo por esa contorna natural e a ruta dos muiños en Dorrón de 4,5 Km que combina a paisaxe verde, muiños rehabilitados e as vistas sobre a ría.

Ademais das rutas, Sanxenxo ten 6 sendeiros reconñecidos co distintivo azul de ADEAC, que suman 24.350 m ao longo do litoral da ría de Pontevedra:

• Areas – Punta Festiñanzo 1.480 m
• Sanxenxo – Portonovo 8.610 m
• Canelas – Punta Cabiscastro 3.450 m
• Paxariñas – Montalvo 1.330 m
• Montalvo – Major 6.450 m
• Sendeiro máxico A Lanzada 3.030 m


SUMA 24.350 m

 

 

0
0
0
s2sdefault