Concello de Sanxenxo - Montalvo acolle esta fin de semana a XX Edición da Feira Gastronómica de Produtos Galegos
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Asociación Cultural San Cayetano de Arra, en colaboración co Concello de Sanxenxo, organiza para esta fin de semana a “XX Feira Gastronómica de Produtos Galegos” en Montalvo.

Desde a Asociación xa teñen todo listo para que arrinque esta nova cita, con varias exposicións de artesanía galega e casetas de produtos tradicionais como mel, licores, queixos, doces e viños.

O inicio da festa está previsto para o venres día 2, cando ás 12.30 h. se abran as casetas de degustación e as exposicións. Pola tarde as casetas volverán abrir, acompañando a noite coa actuación de Cincoenzocas e un dúo musical a partir das 22.00 h.

Será o sábado cando, a partir das 12.30 horas, póidase gozar outra vez das casetas e ás 13.00 horas se celebre unha misa cantada na capela de Arra, con música e baile a cargo dun grupo de gaitas ao terminar.

Ás 13.30 h. terá lugar a presentación do roteiro “O Padre Sarmiento”. E a continuación, actuará o grupo Airiños de Vigo.

A noite de sábado continua co V Serán dos Loureiros, a partir das 22.00 horas, no que todos os grupos participantes estarán convidados a un aperitivo e os 10 primeiros en anotarse, ademais, terán un agasallo especial. Para rematar, á noite farase unha queimada, gratuíta para os asistentes, e unha actuación dun cantautor.

O domingo día 4, haberá (de 12.00 h a 14.00 h. e de 19.00 h. a 21.00 h) obradoiros para nenos e nenas de cestería e cerámica.

Ás 14.00 h. clausurarase o IV certame de pintura rápida. E, xa pola tarde, as casetas abrirán ás 20.00 h. e ás 21.00 h. terá lugar unha actuación de Soalleira para poñer o broche final ao fin de semana.

Desde o Concello quérese “felicitar publicamente á Asociación Cultural San Cayetano de Arra, por todo o traballo e esforzo que realizan ano tras ano para facer que esta vixésima edición da feira sexa posible”. E, ademais, a Concelleira de Cultura, Paz Lago, quere “poñer en valor a cuarta edición do Certame de Pintura, porque xa é unha cita obrigada dentro do calendario de verán do Concello de Sanxenxo, e animar a que a xente participe e goce desta convocatoria”.

 

 

0
0
0
s2sdefault