Concello de Sanxenxo - As obras do Pazo de Quintáns avanzan e o Pazo xa ten a estrutura asegurada
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Pazo de Quintáns é unha construción singular cuns espectaculares miradoiros sobre a horta e a enseada da Lanzada e O Bao. O estado de conservación era malo polo abandono prolongado sufrido, que derivou na deterioración da cuberta e forxados do mesmo. Con todo, os muros do pazo consérvanse en moi bo estado, así como o muro de cachotería, que rodea a leira de 9.000 m2.

Os traballos de rehabilitación do pazo de Quintáns xa afloraron o valor arquitectónico e cultural do edificio. Nos primeiros 21 días de obra fíxose unha profunda limpeza, desmontouse o tellado e os chans afundidos e recolleuse o entullo acumulado polos derrubes e o abandono.

A día de hoxe xa se retirou a galería, os restos de tellado e limpáronse as paredes que forman a estrutura exterior do pazo. No interior, están a apontoarse para facer as divisións das instalacións.

Todo isto estase facendo co máximo coidado e a vixilancia de expertos en patrimonio para o coidado das pezas de gran valor que ten o edificio. O Pazo, as construcións auxiliares, os xardíns e muros son unha xoia e un museo en si. Unha vez rehabilitado albergarán o patrimonio arqueolóxico e arquitectónico do municipio.

Despois da rehabilitación a planta baixa do pazo albergará unha tenda, oficinas e o recibidor principal do museo. Na planta superior acondicionaranse 5 salas. Unha será un miradoiro galería da “paisaxe máis bonita de Galicia” en palabras de Otero Pedrayo. Haberá outras dúas salas de exposicións permanentes e unha de exposicións temporais. Ademais dunha sala de proxeccións.

Outras construcións da leira, como un edificio auxiliar, acollerá unha cafetería restaurante e tamén se habilitarán salas de educación ambiental no gran hórreo.

A filosofía principal do proxecto de rehabilitación, que foi redactado por Mario Crecente e Asociados Consultores, é manter as estruturas orixinais do Pazo, sen derrubar fachadas, nin cubertas. En definitiva, non se fará ningún cambio que modifique a estrutura orixinal do edificio.

 

0
0
0
s2sdefault