Concello de Sanxenxo - O PARKING NAUTA BATE RECORDS DE OCUPACIÓN NOS MESES DE XANEIRO E FEBREIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os datos de recadación do parking de xaneiro e febreiro deste ano superan amplamente aos de anos precedentes. Nos dous meses alcanzáronse cifras máis propias de primavera e outono que do inverno, que é o período máis frouxo da actividade turística. Ademais, hai que considerar que excepto en nadal e unha semana de febreiro a climatoloxía non foi precisamente unha axuda.

En xaneiro a recadación sumou 15.955 euros o que supón un 63% máis que os 9.799 € recadados en 2019. O dato é máis relevante se temos en conta que xa en xaneiro de 2019 ingresouse un 37% máis que en 2018.
En febreiro recadáronse 16.377 € un 56% máis que en 2019 que con 10.527 euros xa superara a recadación de 2018 nun 21%. En resumo, os dous meses arroxan unha subida moi substancial, sobre o incremento que xa se produciu en 2019 sobre 2018. E se miramos un pouco máis atrás, en ambos os meses, a recadación triplicou as cifras de 2016.

A tendencia ascendente é anterior a estes meses pois xa no último trimestre de 2019 se produciran crecementos espectaculares de 38% en outubro, 89% en novembro e 90% en decembro con respecto a 2018. A posible explicación destes datos hai que buscala en varios factores. Por unha banda, o crecemento da tempada baixa que xa vén manifestándose desde 2016 non só nos datos de parking, tamén nas pernoctacións hoteleiras e as cifras de auga e recollida de lixo. Un segundo factor é a atractiva oferta hostaleira e gastronómica que hai no porto e a súa contorna, a rúa Augusto García Besada, rúa dous Barcos, avda. do Porto, etc. Unido ao prezo tan competitivo do parking, 1,67 € por hora, fronte a outros lugares que superan os 2,60 € por hora.

Por último, os cambios de tráfico facilitan a entrada de vehículos ao porto, especialmente os que acceden pola autovía que superan o 70% do total de automóbiles que veñen a Sanxenxo. O porto deportivo, que este ano cumprirá en novembro 15 anos, converteuse no gran dinamizador da actividade económica da vila. Unha zona que, á beleza paisaxística de sempre, suma desde 2005 máis de 60.000 metros cadrados de espazos peonalizados, facilidade de acceso e aparcadoiro e unha variada oferta gastronómica e comercial.

0
0
0
s2sdefault