Concello de Sanxenxo - SANXENXO AMPLÍA O CONTROL POLICIAL NAS RÚAS E REFORZA A LIMPEZA DE RÚAS E EDIFICIOS MUNICIPAIS CON TRABALLOS DE DESINFECCIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local de Sanxenxo tomou novas medidas enmarcadas en tres bloques centrados no reforzo de seguridade nas rúas, a desinfección da vía pública, espazos públicos e instalacións municipais e a suspensión de eventos. Así, acordou desde hoxe reforzar o control policial nas rúas con dúas patrullas formadas cada unha por dous axentes que velarán polo estrito cumprimento das medidas de illamento e a limitación de mobilidade para frear a expansión do coronavirus.  Dous axentes permanecen desde hoxe na porta do Concello de Sanxenxo e da oficina de Servizos Sociais durante o horario de apertura para restrinxir a entrada a casos excepcionais e que esixan unha tramitación urxente.

Outra das medidas acordadas polo goberno local foi que o persoal de limpeza de rúas inicie hoxe mesmo unha profunda desinfección de viarias e espazos públicos. Unha tarefa que tamén levará a cabo en edificios municipais nos que se dará prioridade aos que conta con actividade no seu interior como a Policía Local, Emerxencias, Consistorio, Servizos Sociais e o Pazo de Emilia Pardo Bazán. Despois continuarase en colexios  e gardarías, piscina municipal e outros centros cuxa actividade foi paralizada.

En canto á organización do persoal municipal que se mantén en activo, o goberno acordou realizar quendas de traballo nos distintos departamentos para garantir as medidas de separación que marca o protocolo de prevención. Así mesmo, decidiuse establecer un novo horario de 9 a 14 horas, de luns a venres, nos edificios municipais, unha redución que non se aplicará nin a Emerxencias nin a Policía Local. No caso dos concelleiros de goberno, realizarán as súas funcións nas oficinas dos seus distintos departamentos e realizarán as saídas para cuestións estritamente necesarias.

Outro dos asuntos abordados foi a suspensión da feira de comercio que cada Semana Santa organízase con Entretendas na Praza do Mar e a Festa da Raia, celebración prevista para o último fin de semana de abril. Aínda que se espera que nese momento as medidas non sexan tan restritivas, en ningún caso serán recomendables eventos onde se  poidan concentrar centos de persoas.

0
0
0
s2sdefault