Concello de Sanxenxo - SANXENXO RETOMA AS OBRAS PARALIZADAS POLO COVID 19
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O levantamento da suspensión da actividade non esencial permitiu a Sanxenxo retomar o transcurso das obras municipais como a rehabilitación do Pazo de Quintáns, a fase final do Priorado de Arra e a pista de skate park de Portonovo. A pesar da paralización durante quince días, o obxectivo do goberno local é avanzar para reducir ao máximo os prazos de execución e manter o calendario inicial previsto.

A nivel autonómico, esta semana retomáronse os traballos da senda da PO-308 ao seu paso por Major. Nestes momentos, queda pendente o tramo máis próximo a Portonovo así como a reforma das interseccións previstas no proxecto. Ademais, está a traballarse na instalación da nova iluminación, co obxectivo de que as obras poidan estar terminadas para o verán. Outra das obras importantes que a Xunta de Galicia está a acometer en Sanxenxo é o colexio de O Revel que tamén retomou as obras esta semana e continúa co levantamento dos muros de contención tras concluír a cimentación. Os operarios regresaron tamén aos traballos de mellora de seguridade viaria no tramo que vai desde A Granxa até o miradoiro de Palacios.

A volta á actividade permitiu tamén iniciar traballos pendentes como a renovación dos pilotes no pantalán da naviera do porto deportivo. Nauta iniciou esta semana a substitución de dúas ancoraxes que partiron os temporais o pasado inverno o que fixo necesaria a súa substitución xa que non era viable a reparación. As obras están moi condicionadas pola meteoroloxía, pero está previsto que se conclúan a próxima semana. O pantalán no que operan do navieras, Mar de Ons e Cruceiros Rías Baixas, manteñen durante o verán un tráfico habitual de entre catro e cinco catamaráns. A adxudicataria da obra é Normarine 2007 e o custo dos traballos ascende a 25.845 euros.

0
0
0
s2sdefault