Concello de Sanxenxo - O CONCELLO COLABORARÁ CON ENTRETENDAS NAS MEDIDAS DE SEGURIDADE E DINAMIZACIÓN DO COMERCIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Promoción Económica, Marcos Guisasola, mantiveron esta semana un encontro por videoconferencia coa directiva de Entretendas. Os representantes do comercio local expuxeron as necesidades dos seus asociados tanto en medidas de seguridade como de dinamización económica para retomar a actividade.

O goberno local está disposto a colaborar co pequeno comercio local tanto en material como na promoción da actividade. Así, o Concello repartirá entre os 80 socios do colectivo un kit de seguridade formado por 180 máscaras hixiénicas e 1.300 cirúrxicas, 80 hidrogeles e 160 pantallas de protección facial.

Entretendas presentou ao goberno a plataforma online Zaska á que se subscribirán os seus asociados e pediu a colaboración do goberno local para a súa implantación en Sanxenxo durante o tres primeiros meses, así como na promoción a través de vinilos e flyers.

O pequeno comercio de Sanxenxo quere animar aos veciños e visitantes a que compren nos seus establecementos e para iso prepara unha campaña que convide o consumidor a que faga as súas compras en Sanxenxo na que se inclúan premios como viaxes ou cheques con diñeiro en efectivo.

O goberno colaborará con Entretendas e co resto do comercio do municipio que non se atope baixo o paraugas deste colectivo. Así, o establecemento que o precise poderá solicitar ao Concello de Sanxenxo un kit de seguridade formado por máscaras e xeles. "Queremos pór o noso gran de area para que o comercio retome a actividade de forma segura e para fomentar a compra no municipio", incide Marcos Guisasola, concelleiro de Promoción Económica.

0
0
0
s2sdefault