Concello de Sanxenxo - OS SOCORRISTAS REALIZARON 14 RESCATES ACUÁTICOS NOS AREAIS DE SANXENXO DURANTE O MES DE XULLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Estas intervencións tiveron como factor común a presenza de inchables e elementos acuáticos como táboas de paddle surf ou kaiaks
 
Baltar, Foxos, Pragueira, Area de Agra, Canelas e Panadeira foron o seis areais que concentraron os 14 rescates acuáticos realizados durante o mes de xullo. Case todas estas intervencións tiveron como elemento común a presenza de inchables e elementos acuáticos como táboas de paddle surf ou kaiaks que debido ás correntes mariñas e a dificultade de volver a terra obrigaron a actuar ao servizo de socorrismo do municipio.
 
Nalgúns casos estes rescates foron posibles por terra e noutros a través das dúas embarcacións de socorrismo que durante o verán patrullan a costa do municipio. A frota do servizo de salvamento conta este ano cunha lancha máis que permite dividir o control en dous tramos. Unha encárgase da vixilancia desde Area de Agra até Paxariñas e a outra desde Montalvo até A Lanzada. A rápida actuación en cada un dos casos e a profesionalidade do servizo permitiron que non houbese que lamentar vítimas e que finalmente todo quedase nun susto. Sanxenxo revalida así a distinción temática de Salvamento e Socorrismo outorgada este ano pola ADEAC e coa que tan só contan tres municipios españois máis.
 
Os golpes de calor (3) e lesións ou golpes de distinto tipo (4) tamén aparecen na listaxe de incidencias do servizo de Socorrismo. As feridas e cortes obrigaron a actuar até en 497 ocasións aos sanitarios presentes nos 17 areais durante o mes de xullo. As picaduras de fanecas centraron tamén boa parte das intervencións dos socorristas cun total de 694. O areal que rexistrou un maior número foi Montalvo (134), seguida de Canelas (93), Silgar (91), Areas (59), Bascuas (52), A Lanzada (51) e Foxos (45).
 
O goberno local agradece o labor que cada ano e este, de forma especial, pola situación sanitaria que realizan os socorristas nas praias de Sanxenxo. Un servizo que este ano conta co reforzo dos informadores de praias, unha figura moi ben valorada polos bañistas e que profunda no mantemento da seguridade sanitaria nos areais.
 
0
0
0
s2sdefault