Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ULTIMA A COMPRA DUN BAIXO ANEXO AO CONSISTORIO DE 289 METROS CADRADOS PARA AMPLIAR AS DEPENDENCIAS MUNICIPAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O espazo permitirá unificar os servizos económicos municipais e acollerá a centralita

O Concello de Sanxenxo ultima a compra dun baixo anexo ao edificio consistorial que permitirá trasladar os servizos de Intervención, Recadación, Tesouraría, Catastro e Rendas, así como a centralita municipal a este novo espazo de 289 metros cadrados de superficie. Actualmente, neste departamento municipal hai un total de catorce traballadores que debido á escaseza de espazo atópanse distribuídos en distintas plantas do consistorio. Os obxectivos do goberno municipal son reordenar as áreas e distribuír os espazos que redundarán nunha mellor atención ao cidadán e unha maior operatividade laboral.

O baixo que albergaba unha entidade bancaria suporá un investimento municipal de 485.000 euros e está previsto que se financie en cinco anos. A localización do espazo que permitirá comunicar ambos os edificios e a tasación realizada por parte do arquitecto municipal supoñen unha ocasión vantaxosa para continuar incrementando o patrimonio municipal. O metro cadrado nos locais da Rúa Madrid sitúase, segundo recollen diversos portais inmobiliarios, ao redor dos 1.900 e 2.200 euros o metro cadrado, e o Concello pagará 1.757 euros. O goberno local prevé que a compra se formalice nas próximas semanas e xa conta cun informe favorable de Intervención.

Os servizos económicos e a central trasladaranse ao novo espazo antes de que finalice o ano, así como a reordenación do resto de departamentos municipais. Técnicos municipais encargaranse do proxecto de acondicionamento do local que suporá un pequeno investimento ao conservar o uso de oficina. A conexión entre o edificio principal e o novo espazo realizarase polo interior mantendo a actual entrada de acceso ao consistorio.

A adquisición deste baixo permitirá ao edificio consistorial incrementar a fachada en 13,50 metros lineais. Até 2002 o consistorio non contaba con entrada pola Rúa Madrid, foi ese ano cando se chegou a un acordo cos propietarios de entón e ampliar o edificio, dotándoo de dúas entradas

0
0
0
s2sdefault