Concello de Sanxenxo - SANXENXO TERÁ UNHA ORDENANZA HOSTALEIRA QUE ESTIMULE A MELLORA DOS ESTABLECEMENTOS E QUE LLE PERMITA CONSOLIDARSE COMO UN DESTINO OS 12 MESES DO ANO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno vai promover a aprobación dunha nova ordenanza hostaleira de Sanxenxo. Trátase dunha regulación urbanística especifica que estimulará a mellora e modernización das instalacións hostaleiras e a ampliación dos seus servizos. Os visitantes demandan cada vez máis actividades complementarias á hospedaxe tradicional, é o caso das instalacións de spa e talasoterapia e dos tratamentos de saúde, benestar e estética.

Hai 20 anos algúns hostaleiros de Sanxenxo arriscáronse á apertura de establecementos de catro estrelas durante todo o ano, que ofrecen aos seus clientes unha ampla oferta de servizos que vai moito máis alá da hospedaxe. O que entón pareceu unha decisión arriscada demostrou ser o camiño a seguir por outros establecementos e proba diso é que do millón visitantes que fixeron noite en Sanxenxo suma ao ano, case 300.000 corresponden á tempada baixa, de outubro a maio.

O obxectivo é que Sanxenxo dispoña dunha ordenanza que facilite a adaptación das instalacións hostaleiras á demanda dun viaxeiro cada día máis esixente, que elixe Sanxenxo para pasar as súas vacacións de verán, pero que tamén quere visitarnos calquera outro fin de semana do ano.

A PXOM é de 2003 e desde esa data produciuse unha gran cantidade de normas e cambios do sector turístico que non están contempladas no plan de ordenación. A ordenanza hostaleira achegará un marco normativo que permita mellorar os hoteis e crear un aliciente para que as instalacións antigas acometan reformas nas súas edificacións. Unha normativa que axudará a impulsar a apertura de hoteis da máxima categoría, unha materia pendente de Sanxenxo.

A normativa turística autonómica e estatal esixe unha maior superficie das habitacións, máis prazas de aparcadoiro, dimensións de baños superiores, montacargas e ascensores de servizos, accesos independentes de persoal e clientes. Por iso é necesaria unha modificación da PXOM que permita aumentar a superficie edificable no subsolo para cumprir coas esixencias da normativa e as demandas dos clientes.

Neste sentido a ordenanza hostaleira ofrecerá a posibilidade de usar o subsolo para acoller servizos complementarios de calidade que permitan ampliar a oferta do establecemento, pero que en ningún caso poderase destinar a habitacións. Así mesmo unificaranse os criterios tan dispares de edificabilidade que contempla a PXOM e tamén se permitirá a posible conversión dun hotel nunha residencia para persoas maiores.

Sanxenxo dispón de 167 hoteis de 1 a 4 estrelas situándose, segundo o INE, como o destino turístico de norte de España con máis prazas hostaleiras 9.931 por diante de cidades de maior poboación como Bilbao (8.154), Santiago (7.983), San Sebastián (5.854), A Coruña (5.226) e Vigo (4.772)

0
0
0
s2sdefault