Concello de Sanxenxo - O TALLER DE MEMORIA DE SANXENXO RETOMA A ENTREGA DE MATERIAL DIDÁCTICO EN NOALLA E SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O obxectivo é iniciar, a principios de novembro, a actividade presencial con aforamentos reducidos e medidas de seguridade

O Taller de Memoria reiniciou onte a actividade entregando material didáctico a 25 usuarios en Noalla e Sanxenxo. A profesora María José Pérez Cacabelos estableceu un calendario e un cronograma para repartir e recoller as tarefas polas distintas casas de cultura ata que se retomen as clases presenciais. Hoxe foi a quenda de Vilalonga, de 11 a 12 horas, e de Bordóns, de 12:30 a 13:30 horas; o xoves, en Dorrón, de 10 a 11 horas e de 11:30 a 13 horas, en Portonovo, e o luns, de 10:30 a 11:30 en Nantes e de 12 a 13 horas en Adina.

As actividades están adaptadas aos distintos niveis de formación desde sopas de letras até fichas de caligrafía, ortografía ou textos mutilados. A entrega deste material permite manter o contacto co alumnado para que manteñan a mente activa a pesar da situación de alerta sanitaria.

O obxectivo é retomar, a principios de novembro, a actividade presencial con aforamentos reducidos e medidas de seguridade. "Moitos alumnos transmítenme a necesidade de retomar as clases. As fichas axúdanlles a estar entretidos, pero en moitos casos necesitan falar e estar en compañía", explica Pérez Cacabelos.

En todo caso, o protocolo sería moi estrito con limitación máxima de aforamento a dez persoas ou mesmo máis reducido, se o espazo non permite manter a distancia de seguridade. Esta medida obrigaría nalgúns casos a desdobrar a clase e impartir varias sesións por zona. A máscara e o uso do xel desinfectante será obrigatorio para asistir ás clases e, a maiores, a profesora tomará a temperatura aos alumnos á entrada.

0
0
0
s2sdefault