Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ADIANTA O DISPOSITIVO ANTICOVID NOS CEMITERIOS PARA GARANTIR O CUMPRIMENTO DAS MEDIDAS SANITARIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local decidiu adiantar o dispositivo anticovid nos camposantos para garantir o cumprimento das medidas sanitarias. A Policía Local controlará desde hoxe mesmo o aforamento e o cumprimento de restricións nos sete cemiterios do municipio: Sanxenxo, Dorrón, Bordóns, Nantes, Portonovo, Noalla e Vilalonga.

Así haberá axentes nos horarios de maior afluencia de mañá e tarde, tanto no interior como no exterior dos cemiterios, para controlar que se cumpra o uso obrigatorio da máscara, a distancia social e a hixiene de mans. A normativa vixente establece un máximo de 4 persoas conviventes e a duración da estancia no camposanto non deberá superar os 30 minutos.

Durante esta mañá a Policía Local coa colaboración de operarios municipais de Servizos habilitou en varios cemiterios itinerarios de entrada e saída con valados para facilitar o control do aforamento e as entradas, así como saídas ordenadas. O goberno local confía en que estas medidas unidas á "responsabilidade individual" axuden a realizar as visitas aos camposantos con seguridade.

Nos cemiterios de titularidade municipal como o de Sanxenxo e o de Dorrón ampliouse o horario de apertura, de 9 a 21 horas, e desdobráronse os itinerarios de entrada e saída para evitar aglomeracións nos accesos. Os baños de ambos os camposantos limparanse cada hora e media para garantir o perfecto mantemento durante o Día de Todos os Santos. En distintos puntos hai dispensadores de xeles desinfectantes e colocáronse carteis nos que se lembran as medidas sanitarias obrigatorias.

0
0
0
s2sdefault