Concello de Sanxenxo - SANXENXO PROPÓN INCLUÍR NO PROXECTO REDE.ES O CÁLCULO DE PERSOAS POR DISPOSITIVOS MÓBILES EN PUNTOS DE ESPECIAL AFLUENCIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo levou a un dos últimos encontros de traballo do programa nacional Red.es a proposta de incluír o cálculo de persoas por dispositivos móbiles en puntos de especial afluencia. A medida cobra agora especial relevancia pola actual alerta sanitaria. Trátase de poder analizar datos estatísticos e calcular a afluencia de persoas a determinados eventos que se poidan realizar no municipio. "Permitirá obter informes configurables sobre históricos de afluencias e ocupación con capacidade de filtro por rango de datas, datos acumulados ou comparativos mediante gráficos", sinala Óscar Vilar Sartages, concelleiro de Obras e Servizos que participa nas mesas de traballo.
 
Esta iniciativa enmárcase dentro da convocatoria, que xorde a través da iniciativa "Destinos Turísticos Intelixentes", cofinanciada a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e enmarcada dentro do Plan Nacional de Territorios Intelixentes. A proposta, dotada con 1,4 millóns de euros, presentada pola Mancomunidade do Salnés leva por título "Sanxenxo e O Grove: Polos Turísticos Intelixentes". Un proxecto co que se persegue profundar no coñecemento do turista, implementar solucións tecnolóxicas para xestionar a saturación do destino nos meses estivais e mellorar a eficiencia na xestión e prestación de servizos públicos con alta incidencia no visitante.
 
Outra das novas propostas incluídas no proxecto é a instalación de cámaras de visualización en directo das praias con bandeira azul do municipio para que calquera veciño ou turista poida elixir a praia á que acudir, segundo a ocupación ou o estado marítimo. "Esta ferramenta terá utilidade tamén no inverno para as persoas que practican deportes marítimos nos que o estado do mar teña en especial relevancia", indica Vilar.
 
O grupo de traballo analiza a posible inclusión no proxecto final de cámaras de última xeración que poidan ler con tecnoloxía OCR as matrículas de vehículos na entrada e saída do municipio. O sistema permitirá crear estatísticas sobre densidade de tráfico, tipos de vehículos que acceden a Sanxenxo, tempo de estancia e mesmo xerar alertas se se detectan vehículos buscados polos corpos de seguridade. "Consideramos que é unha ferramenta que pode ter unha gran utilidade e que profundará na seguridade do municipio", explica Vilar.
 
0
0
0
s2sdefault