Concello de Sanxenxo - A OFERTA MELLOR VALORADA PARA A HUMANIZACIÓN DO VIARIO DE O SANTO CIFRA A OBRA EN 210.282 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Reduce o prazo de execución a dous meses e medio e amplía o prazo de garantía ao catro anos
 
 Á espera da documentación requirida, Construcións Castro Figueiro será a empresa encargada da obra de humanización do viario de O Santo en Nantes cunha oferta económica de 210.282 euros o que supón unha rebaixa de case 6.000 euros respecto ao prezo de licitación. A firma reduce de tres a dous meses e medio o prazo de execución e amplía a garantía da obra a catro anos. En canto ás melloras, a oferta gañadora expón actuar na recollida de pluviais e na contorna da capela.
 
O obxectivo dos traballos, que se farán con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, é facer compatible a circulación de vehículos lixeiros coa circulación segura de peóns, proxectando unha calzada en plataforma única de uso mixto, respectando unha contorna con alto valor patrimonial no que existe un cruceiro e unha capela.
 
Actualmente, existe un viario asfaltado moi estreito con beirarrúas tamén moi estreitas, realizadas en baldosa hidráulica e que presentan importantes deficiencias. A actuación, prevista en 140 metros, inclúe tamén melloras no ámbito do saneamento coa dotación dunha nova rede de recollida de pluviais e un novo colector que será instalado polo centro do mesmo.
 
En canto á iluminación pública, o proxecto inclúe a instalación dunha nova canalización eléctrica e a renovación dos farois, con iluminación led para mellorar a eficiencia enerxética. Respecto ao mobiliario urbano, está prevista a instalación de bancos e papeleiras, do mesmo xeito que unha pantalla para reducir o impacto visual dos colectores de lixo.
 
A pavimentación realizarase con laxas de granito, establecendo zonas seguras para os peóns e o pavimento de pedra da zona perimetral da capela limparase de forma manual.
 
0
0
0
s2sdefault