Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DESTINA CASE 100.000 EUROS A OBRAS DE SERVIZOS BÁSICOS EN VARIOS PUNTOS DO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local realizará obras de saneamento, abastecemento e pavimentación en varios puntos do municipio por case 100.000 euros. Os traballos inclúense dentro da partida orzamentaria sobrante do Plan Concellos de dúas anualidades, 2018 e 2019, e serán executadas antes de final deste ano.
 
Unha das obras máis importantes previstas é a humanización e instalación da rede de pluviais na Rúa do Vento. Unha actuación que conta cun orzamento de case 41.000 euros e que redundará na mellora de seguridade viaria na contorna moi transitada por peóns e vehículos.
 
Un dos obxectivos do goberno neste mandato é a dotación de saneamento e de abastecemento de auga en zonas que carecen deste servizo. Con este propósito, o goberno inclúe, dentro das actuacións acometidas co remanente do Plan Concellos, a prolongación de saneamento e abastecemento de auga en Catadoiro-Adina. O prazo de execución dos traballos estímase nun mes e a partida orzamentaria é de 18.767 euros. A mesma actuación repetirase na Costiña, en Vilalonga, cun orzamento de 14.534 euros. 
 
Outra das actuacións previstas é a dotación de iluminación led a un viario municipal na Costa en Dorrón. Con esta medida preténdese implantar e mellorar, de maneira paulatina, a iluminación pública mediante tecnoloxía LED nos viarios municipais e á vez mellorar a eficiencia enerxética diminuíndo o consumo eléctrico e a emisión a atmosfera de gases de efecto invernadoiro. Nestes traballos está prevista un investimento de 7.070 euros.
 
En Portonovo, acometerase a reparación dunha fuga de auga na rede municipal de augas pluviais na Rúa Doutor Lalinde e que está a provocar filtracións de auga á casa de Don Fernando. A actuación está valorada 6.115 euros e conta con dúas semanas para a súa execución.
 
En Baltar procederase á dotación de firme de zahorra artificial a un viario que, na actualidade, atópase cun terreo areoso totalmente irregular no que se acumula auga de choiva e dificulta o acceso ás vivendas próximas. Con esta medida búscase emendar a situación descrita, tentando unha rasante regular e con suficiente pendente que impida a acumulación da auga da choiva e liquidar os problemas actuais. O prazo de execución estímase en dúas semanas e o orzamento é de 5.969,22 euros.
 
 
0
0
0
s2sdefault