Concello de Sanxenxo - SANXENXO INVESTIRÁ 96.921 EUROS NA ILUMINACIÓN DE NADAL QUE SE ACENDERÁ O PRÓXIMO 5 DE DECEMBRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Creaciones Luminosas S.L. é a empresa proposta para a adxudicación dos traballos.
Sanxenxo acenderá a súa iluminación de Nadal o próximo 5 de decembro en todas as parroquias e nas tres vilas. A empresa proposta para a adxudicación dos traballos é Creaciones Luminosas S.L. que presentou unha oferta lixeiramente inferior ao prezo de licitación, 96.921 euros. O goberno local aposta para este Nadal diferente por unha proposta decorativa innovadora con recunchos do Nadal e máis de 262 elementos que permanecerán nas rúas e espazos públicos até o 10 de xaneiro.
 
Debido á actual situación sanitaria, o goberno acordou non celebrar a Cabalgata de Reyes habitual polas rúas do municipio, pero baralla alternativas para que a maxia do Nadal non se vexa perxudicada para os máis pequenos da casa. Este ano a iluminación de Nadal debe compensar o ambiente e a alegría das actividades suspendidas pola pandemia así como responder, este ano con máis razón, á petición da asociación de comerciantes para fomentar a compra e o consumo no comercio local. A principal novidade decorativa serán os recunchos do Nadal que se estenderán polos distintos lugares do municipio e que permitirán aos veciños elaborar as súas propias postais. 
 
En Sanxenxo unha gran bola presidirá a Praza dous Barcos e decoraranse os catro árbores da Praza Pascual Veiga con bolas luminosas. A entrada ao consistorio municipal, contará cunha composición formada por un marco espello, unha cadeira de brazos e un cono luminoso de catro metros 
 
Portonovo contará con dous recunchos de Nadal, un no Espiñeiro formado por un gran oso e outro ao final da Avenida Rafael Picó, preto da parada de taxis, cunha familia de cervos. Iluminarase tamén con arcos a contorna da igrexa e as rotondas de Baltar, de Portonovo e do porto. 
 
En Vilalonga, o recuncho de Nadal estará formado por unha caixa de correos e unha familia na Praza Pública. As luces do Nadal reservaranse para as rotondas con dúas árbores de 8 e 12 metros de altura.
 
En Bordóns, a praza de Manuel Cortés estará presidida por un boneco de neve e iluminaranse as rotondas de Areas e a subida á igrexa. En Dorrón, darase protagonismo á estrada principal Outeiro- Carballeira con báculos luminosos. Á entrada do centro educativo colocarase unha gran figura de Papa Noel.  
 
En Nantes iluminaranse as zonas máis poboadas como o ano pasado e crearase un recuncho do Nadal cunha familia de cervos na contorna do parque. En Noalla, unha árbore de 12 metros e unha familia de cervos serán os protagonistas da súa decoración de Nadal. 
 
 
0
0
0
s2sdefault