Concello de Sanxenxo - NAUTA PROPÓN COMO ADXUDICATARIA DA REXENERACIÓN DE A CARABUXEIRA A MARCOR XOVE POR 123.355 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A única empresa ofertante reduce o prazo de execución dos traballos a 40 días e amplía a garantía aos catro anos
Os trámites para a adxudicación dos traballos de rexeneración da praia de A Carabuxeira avanzan a bo ritmo. A empresa municipal Nauta Sanxenxo xa coñece a oferta económica da única empresa que se presentou ao concurso, a firma lucense, Marcor Xove, que se compromete a realizar os traballos en 40 días laborais e cun orzamento de 123.355 euros (IVE incluído). A proposta reduce o prazo dos traballos en 50 días e tamén o orzamento de licitación en máis de 20.000 euros. A empresa propón o prazo máximo de garantía dos traballos: Catro anos. 
 
En canto ao cronograma da actuación que decidirá o director de obra, o obxectivo, en principio, é que a instalación dos 70 metros lineais de tubos geotextiles quede lista antes de que conclúa este ano, sempre que, as condicións meteorolóxicas permitan facelo con seguridade ao ter como escenario dos traballos un medio natural. A principios do próximo ano daríase comezo ao dragado e bombeo dos 10.000 metros cúbicos de area depositada na fronte da praia. En todo caso, a actuación estará concluída para a vindeira Semana Santa.
 
O proxecto definitivo de rexeneración da Carabuxeira e Lavapanos contempla a achega de 14.000 metros cúbicos máis de area, pero ademais inclúe a construción dun dique para evitar a súa futura perda. Mentres se avanza nesta primeira fase, o Concello e Costas ultiman xa a redacción dun convenio para a creación dun paseo marítimo entre Panadeira, Lavapanos e A Carabuxeira que permitirá o tránsito peonil e o goce deste tramo de costa urbana.
 
0
0
0
s2sdefault