Concello de Sanxenxo - TURISMO POTENCIARÁ EN 2021 AS RUTAS DE SENDEIRISMO CO PLAN “SANXENXO AO TEU AIRE”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto inclúese dentro do convenio asinado coa Axencia Galega de Turismo tras a declaración de Sanxenxo como Territorio de Preferente Actuación Turística
 
Habilitar novas rutas de sendeirismo e potenciar as xa existentes son dous dos obxectivos do novo plan que Turismo de Sanxenxo porá en marcha en 2021.  Un recurso natural polo que o Concello aposta para atraer a visitantes na tempada baixa e co que se reforzará a oferta lúdica e de esparcemento dos veciños durante todo o ano. 
 
"Sanxenxo ao teu aire" permitirá habilitar novas rutas de sendeirismo que vertebren as sete parroquias do municipio, adaptadas a todo tipo de público e tomando como senda principal a do Pai Sarmiento pola súa espectacular paisaxe e arraigamento histórico. As rutas de Aldariz, Lagoa de Rouxique, Con da Romaíña ou a Ruta dos Cantís- Miradoiro de Noalla son unha boa mostra da beleza e riqueza interior do municipio, á que pronto se sumará a ruta do río Dorrón. No litoral, Sanxenxo conta con seis carreiros azuis que suman 25 quilómetros: Carreiro Máxico da Lanzada, Carreiro Major- Montalvo, Carreiro Montalvo -Paxariñas, Carreiro Canelas - Punta Cabicastro, Carreiro Sanxenxo - Portonovo e Carreiro Areas - Punta Festiñanzo.
 
O plan contempla a creación dunha guía coa identificación dos recursos turísticos máis destacados, pero tamén os servizos de aloxamento, hostalaría e eventos dispoñibles. Prestarase especial atención ao turismo familiar e accesible. Outro dos atractivos diferenciais deste plan é a aposta por rutas temáticas ou gamificadas. Tamén se prevé a posta en marcha dunha aplicación para dar a coñecer as zonas máis emblemáticas de Sanxenxo utilizando un formato baseado no Pokemon Go no que o senderista convértese no personaxe do xogo con reto e probas que deberá superar para gañar premios que estarán vinculados á oferta hostaleira local.
 
O plan enmárcase dentro do convenio asinado coa Axencia Galega de Turismo tras a declaración de Sanxenxo como Territorio de Preferente Actuación Turística, distintivo logrado polo municipio o pasado mes de setembro. Dentro deste convenio e apostando de novo pola diversificación da oferta inclúese a rede de itinerarios a nado en augas abertas entre Silgar e Caneliñas nas que se combina deporte, paisaxe e medio ambiente. 
 
Estas rutas mariñas estarán operativas como mínimo desde o 1 de marzo até o 31 de outubro. O proxecto planifícase en dúas anualidades. A primeira contempla a creación de dous carreiros para este mesmo outono. O primeiro carreiro, Praia de Baltar-Praia de Silgar, ten unha lonxitude de 1.800 metros e cruzará Punta Vicaño e o segundo itinerario concentrarase na Praia de Caneliñas e contará cunha extensión de 150 metros, prevéndose que estea operativo os 12 meses do ano.
 
 
0
0
0
s2sdefault