Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PRORROGARÁ ATÉ O 31 DE MARZO O ACTUAL CONTRATO DAS DÚAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O CONCELLO PRORROGARÁ ATÉ O 31 DE MARZO O ACTUAL CONTRATO DAS DÚAS ESCOLAS INFANTÍS MUNICIPAIS 
 
O asunto abordarase, entre outros, nun Pleno extraordinario que se celebrará o próximo 22 de decembro
 
O Concello de Sanxenxo prorrogará até o próximo 31 de marzo o contrato das dúas escolas infantís municipais de O Tombo e O Revel cuxo contrato se extingue este mes de decembro despois de lograr un acordo coa empresa. A ampliación do servizo por parte da actual concesionaria durante estes tres meses, contemplado polo novo marco normativo estatal polo Covid, permitirá ao goberno local rematar o prego de condicións do novo contrato e convocar un novo concurso que se xestionará a través de Terra de Sanxenxo. O asunto será debatido en sesión extraordinaria o vindeiro martes 22 de decembro.
 
Na actualidade, as dúas gardarías municipais teñen 93 nenos matriculados de Sanxenxo e do resto da comarca que supón un custo anual de 449.000 euros e que nos últimos meses coincidindo coa volta á actividade incrementouse en 4.600 euros ao mes para dar cumprimento aos protocolos anticovid. O Concello de Sanxenxo recibe unha axuda da Xunta de Galicia de 54.000 euros ao ano e recada das familias dos matriculados unha media anual de 72.000 euros. O custo medio estimado por alumno ao ano ascende a 5.210 euros. 
 
Das 93 familias que actualmente teñen nenos e nenas matriculados nas escolas infantís municipais, 28 non pagan ningún tipo de taxa; 40, entre 17 e 50 euros; 14, entre 51 e 100 euros; 9, entre 101 e 150, e só dous, máis de 150 euros.
 
O borrador do prego de condicións do novo contrato contempla unha subida importante do custo do servizo para o Concello próximo aos 600.000 euros para dar cumprimento ao actual convenio de gardarías e dar resposta ao custo actualizado de persoal. O goberno local consciente do esforzo que suporá este incremento no contrato tratará de buscar axudas de financiamento noutras administracións.
 
Outro dos asuntos do Pleno será a prórroga do contrato do ciclo da auga mentres se ultima o contrato que contempla actuacións na rede de saneamento e abastecemento de máis case 13 millóns de euros por parte da nova concesionaria do servizo. Neste punto, o goberno levará á sesión extraordinaria unha proposta de Alcaldía para nomear un comité de expertos que diluciden a liquidación da actual concesionaria tras a finalización do servizo.
 
0
0
0
s2sdefault