Concello de Sanxenxo - OS CENTROS EDUCATIVOS AVALÍAN DE FORMA POSITIVA O PLAN DE SEGURIDADE DA POLICÍA LOCAL NAS ENTRADAS E SAÍDAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 A concelleira de Educación, Paz Lago, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, mantiveron nos últimos días un encontro cos directores dos centros escolares e institutos do municipio para avaliar o plan da Policía Local posto en marcha desde o inicio do curso para organizar as entradas e saídas de forma segura.
 
A medida, prevista inicialmente para evitar aglomeracións e garantir a seguridade viaria nas entradas e saídas dos colexios, momentos nos que se concentran máis nenos e familias, foi acollida de forma moi positiva nas comunidades educativas polo que se prolongará durante todo este curso e prevese que se poida continuar nos próximos anos.
 
O Concello destina a estes labores durante o período escolar cinco axentes que controlan os accesos e saídas dos colexios da Florida, Vilalonga, Abrente, Portonovo, así como o IES de Sanxenxo e o de Vilalonga. No CEIP Ou Telleiro e no CEIP Magaláns non se aplica este plan debido a que tanto o espazo do que dispoñen como o número de alumnado permite aos propios centros organizar as súas entradas e saídas de forma segura.
 
A implicación da Policía Local cos centros educativos do municipio continuará nos próximos meses con charlas informativas sobre o uso seguro das redes sociais e os perigos que entraña a súa utilización sen supervisión. Unhas conferencias pensadas para 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO que está previsto que se leven a cabo a principios de abril. Ademais, respondendo á petición da dirección do IES Vilalonga, a Policía Local reforzará os controis e a vixilancia na contorna do centro durante as saídas do recreo.
0
0
0
s2sdefault