Concello de Sanxenxo - SANXENXO REFORZARÁ OS CONTROIS POLICIAIS EN ESPAZOS PÚBLICOS E RESTRINXE A ACTIVIDADE MUNICIPAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 As bibliotecas permanecerán desde mañá pechadas e as escolas de música e de maiores continuarán con formación telemática
 
A grave situación sanitaria e as novas restricións que entrarán en vigor en toda Galicia obriga a Sanxenxo a intensificar os controis policiais nos espazos públicos, mercadillos, así como as entradas e saídas do municipio que quedarán limitadas a causas justificadas por cuestións de traballo, sanitarias, coidado, laborais ou educativas. Ante esta situación excepcional, o goberno acordou redobrar o persoal da Policía Local e pediu a incorporación dos axentes que se atopaban de días libres para intensificar a vixilancia e facer que se cumpran as novas medidas.
 
O goberno mantivo un encontro para abordar as novas medidas que permitan reducir a incidencia do Covid no municipio que hoxe alcanzou os 130 casos activos. Así, mantéñense pechadas as casas de cultura municipais en todas as parroquias, o Multiusos de Portonovo, así como os campos de fútbol e pavillóns municipais con tan só dúas excepcións debido ao seu particular uso. O pavillón de Vilalonga manterase aberto como até agora para uso exclusivo do instituto cun horario pechado, onde se pode garantir a limpeza seguindo os parámetros anticovid, e o campo de fútbol de Noalla que continuará limitado ao adestramento do equipo de fútbol feminino Viaxes Interrías por xogar en liga nacional, único motivo que o posibilita na actual situación sanitaria.
 
As bibliotecas de Sanxenxo, Portonovo e Vilalonga que xa tiñan limitado o seu uso pecharán as súas portas a partir de mañá polo que durante a xornada de hoxe apuraron os seus préstamos que nesta ocasión prolongaranse de forma forzosa até o 17 de febreiro. A Escola de Música de Sanxenxo, así como a Escola de Maiores pasaranse á formación telemática, por correo electrónico, videollamadas e chamadas, para tratar de manter o contacto co alumnado e non perder o ritmo formativo.
 
En canto á actividade municipal restrinxiranse os trámites presenciais no Concello de Sanxenxo que se deberán realizar con cita previa telefónica e a través da sede electrónica. Así funcionará tamén a sede de Servizos Sociais e o Multiusos de Vilalonga que manterá só en funcionamento as oficinas de Medio Ambiente e GDR. O Pazo de Emilia Pardo Bazán permanecerá pechado ao público tamén durante este tres semanas.
 
O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, puxéronse en contacto cos presidentes de Circulo Cultural e Deportivo de Sanxenxo e o do Club de Piragüismo de Portonovo que se mostraron abertos a colaborar co peche das instalacións e suspensión de actividades no primeiro caso e coa limitación de adestramentos só de adultos e en solitario, algo que permite o decreto, no segundo caso.
 
O goberno insiste en que máis aló destas medidas que se tomen tanto desde a administración local como autonómica é necesario que as persoas cumpran coas restricións e, de forma especial, aqueles que se atopan en confinamento. 
 
 
 
0
0
0
s2sdefault