Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO REXISTRA UN TOTAL DE 86 INSCRICIÓNS PARA O CURSO GRATUÍTO DE AUXILIAR DE POLICÍA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A formación impartirase no Pazo de Emilia Pardo Bazán durante as mañás dos sábados de marzo e abril
 
O Concello rexistrou un total de 86 solicitudes para inscribirse no curso gratuíto de formación de auxiliar de Policía Local, o dobre das prazas ofertadas, 40. A formación iniciarase o primeiro sábado de marzo e prolongarase durante todo o mes de abril no Pazo Emilia Pardo Bazán, en horario de 9 a 14 horas, e cun estrito protocolo sanitario. Se non fose posible, o curso impartirase de forma telemática.  
 
O obxectivo é profundizar no coñecemento do municipio e que os futuros auxiliares manexen desde o primeiro momento o rueiro e as ordenanzas reguladoras cando se incorporen no verán á vixilancia e seguridade de Sanxenxo momento no que o municipio incrementa de forma importante a súa poboación.
 
Serán en total oito xornadas. Na primeira, abordarase a normativa de seguridade viaria, seguros, ITV, autorizacións administrativas para conducir e intervención en accidentes de tráfico; na segunda, profundizarase nestes coñecementos, iniciarase o estudo do rueiro municipal e realizarase un avance de ordenanzas municipais; na terceira, trataranse todas as ordenanzas municipais; na cuarta, analizarase  como actuar ante casos de violencia de xénero, delitos de odio e de seguridade viaria; na quinta tratarase a Lei de Forzas e Corpos de Seguridade e de protección seguridade cidadá; na sexta, as relacións cos cidadáns, formas de comunicación, saúdos, linguaxe e condución de motocicleta; na sétima, defensa persoal e intervención policial e na oitava, técnicas de regulación do tráfico, uso das comunicacións e rueiro municipal.
 
Trátase dunha boa oportunidade formativa e laboral para os mozos de Sanxenxo e doutros lugares que estean interesados nesta profesión. O curso permitirá unha especialización da contorna e mellorar na atención tanto de veciños como de visitantes.
 
0
0
0
s2sdefault