Concello de Sanxenxo - O CONCELLO E UFD ACADAN UN ACORDO PARA DERRUBAR O EDIFICIO EXTERIOR DA SUBESTACIÓN DE VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 A parcela acondicionarase como un espazo público cunha zona verde
 
Tras varios meses de traballo, o Concello de Sanxenxo e a empresa subministradora UFD acadaron un acordo para a cesión de uso gratuíto da parcela onde se atopa o edificio exterior da subestación de Vilalonga. O alcalde, Telmo Martín, e o responsable de UFD, Francisco Ramos, visitaron esta mañá as instalacións xunto á terceira tenente alcalde, Paz Lago. Unha vez que se materialice a cesión, o Concello encargarase da derriba do edificio, construído nos anos 60, e de converter o espazo nunha zona verde que levará consigo unha mellora de seguridade viaria coa dotación dunha marquesiña e dunha parada de autobús.
 
"Este edificio deu durante moitos anos servizo a esta zona e mesmo a outros municipios como O Grove. Este é un primeiro paso, un paso histórico, dun compromiso adquirido cos veciños de Vilalonga para ou ben soterrar ou trasladar esta subestación. É un tema no que se segue traballando e que implica a máis administracións e mesmo a máis concellos", asegurou o alcalde.
 
O responsable de UFD, Francisco Ramos, mostrouse "encantado de colaborar co Concello para que se acondicione esta zona para o desfrute dos veciños de Vilalonga e se instale unha marquesiña que era moi necesaria".
 
Os traballos de derriba do edificio poderían dar comezo a finais de setembro despois de que Concello e UFD asinen unha cesión de uso que permitirá converter a parcela nun espazo público e mellorar a imaxe da entrada principal á parroquia de Vilalonga. Mentres tanto as administracións competentes xunto á empresa eléctrica avanzan para atopar a mellor localización, redactar o proxecto e buscar o financiamento que permita o traslado a medio prazo.
 
0
0
0
s2sdefault