Concello de Sanxenxo - O POLICÍA MANUEL MARTÍNEZ PREMIADO POLA FUNDACIÓN ATESVAN POLO SEU LABOR EN EDUCACIÓN VIARIA CO POLI PACO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 O axente xubílase o próximo 1 de xuño tras 30 anos de servizo en Sanxenxo e 13 anos na área de Educación Viaria
 
Sanxenxo volve ser referente en Educación Viaria cun novo premio a nivel nacional a un dos creadores da figura do Poli Paco, Manuel Martínez, que xunto a Abelardo Martínez levan 13 anos achegando de forma lúdica a formación en seguridade viaria aos centros educativos do municipio. Os "II Premios Atesvan- Smart Baby ás Boas Prácticas en Educación Viaria" distinguiron a Manuel Martínez na categoría de Premios Extraordinarios a Persoas que recollerá na Escola Municipal de Música e Danza do Parador o próximo 3 de setembro.
 
"Estou moi agradecido, pero quero compartir o premio co meu compañeiro Abelardo Martínez con quen desde 2008 realizamos a actividade de educación viaria nos colexios do municipio", explica Manuel Martínez.
 
O recoñecemento chégalle a Manuel Martínez ás portas da súa xubilación e despois de 30 anos de servizo no municipio de Sanxenxo. A partir do próximo martes, 1 de xuño, poderá gozar plenamente da súa familia e das súas dúas grandes paixóns como son a pesca e a música.
 
Manuel Martínez chegou ao departamento de Seguridade viaria da Policía Local de Sanxenxo en 2008, tras unha lesión nas cervicais, e recoñece que, ao principio, non foi fácil conectar cos nenos. "Non tiñamos experiencia en teatro, pero démonos conta de que había que facer algo diferente para captar a atención dos nenos. E a máscara do Poli Paco primeiro e a marioneta despois axudounos moito a conectar con eles", explica. O labor realizado ao longo destes anos tróuxolles moitas satisfaccións. "Os nenos xa non me chaman polo meu nome senón polo Poli Paco", asegura.
 
O pasado mes de abril era Abelardo Martínez o que recollía no Congreso o premio de "Ciudadano Ponle Freno" co que se recoñece a implicación do axente e do propio Concello na educación viaria desde fai máis de tres décadas.  
0
0
0
s2sdefault