Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PRESENTA ALEGACIÓNS ANTE O GOBERNO DE ESPAÑA PARA QUE INCLÚAN NO PLAN DE EXTENSIÓN DE BANDA ANCHA 14 ZONAS CON 1.251 VECIÑOS AFECTADOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo presentou alegacións ante o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital para que se inclúan 14 núcleos de poboación que non están contemplados no Plan de Extensión de Banda Ancha (PEBA) 2021. O obxectivo do goberno municipal é incluír estas zonas, con 1.251 veciños afectados, na listaxe definitiva, que será a base para determinar as zonas potenciais de actuación e recepción de axudas ás operadoras dentro do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas dixitais cunha dotación de 2.320 millóns de euros.
 
O inventario de telecomunicacións do municipio encargado polo goberno local, que xa se atopa nunha fase moi avanzada de redacción, permitiu acompañar ás alegacións da documentación, así como de imaxes georreferenciadas das infraestruturas existentes que permitirá a correcta coordinación para garantir a extensión da banda ancha nestes lugares. Un traballo de campo que se leva realizando desde hai semanas e que facilitará a implantación de banda ancha en zonas non incluídas ata o momento.
 
O Concello de Sanxenxo non quixo desperdiciar unha oportunidade única, xa que ata o momento nunca se fixo unha consulta pública deste tipo, e mostrar, unha vez máis, o seu compromiso coa mellora das telecomunicacións do municipio e ofrecer un bo servizo aos veciños, a pesar de non incluírse dentro das súas competencias. O alcalde asegura que o inventario permitirá ter "unha clara radiografía da situación e demostrará a ineficiencia das operadoras de telefonía que recorren a unha escalada de subcontratas e descoñecen as instalacións despregadas no municipio. Isto é o que está a retardar a implantación da fibra óptica en Sanxenxo".
 
Ás zonas grises ou brancas contempladas xa no PEBA, o Concello suma nas súas alegacións os seguintes núcleos de poboación O Outeiro, Contumil, A Revolta, Caseiros, Codesal, Cova de Pazos, Fonte de Ons, Mourelos, O Pombal, Quintáns, A Revolta, Salgueiro do Mato, Telleiro e Tramalleiro. As zonas brancas son aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos. As zonas grises incluídas na consulta son aquelas en as que, aínda tendo cobertura ou previsións de cobertura de moi alta velocidade nos próximos tres anos, é proporcionada por un só operador e a velocidade é menor de 100 Mbps.
0
0
0
s2sdefault