Concello de Sanxenxo - OS ESCOLARES EMPRÉGANSE A FONDO NA LIMPEZA DE PRAIAS PARA DEIXAR OS AREAIS LIBRES DE LIXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Case 200 escolares dos colexios de Magaláns, a Florida, Portonovo, Nantes, O Cruceiro e O Telleiro participaron onte na actividade de educación ambiental sobre a limpeza de praias. Provistos de grandes sacos de lixo e de luvas, as brigadas de limpeza dipersas polas praias de Area de Agra, Nanín, Major, Baltar, Areas Gordas e A Lapa afanáronse para deixar os areais limpos de plásticos e de residuos que o mar devolve a terra. Os residuos atopados que máis se repetiron foron máscaras enterradas na area e paus de plástico procedentes de bateas e mesmo un aparello de gran tamaño que será retirado o luns polos servizos municipais en Area de Agra.
 
O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, acompañado da edil de Educación, Paz Lago, coordinaron a actividade que contou coa colaboración de Albia Servizos Funerarios que achegou o material para a limpeza e unha camiseta aos participantes. Deza agradeceu á comunidade educativa "Quero agradecer a súa total colaboración nesta actividade e, de forma especial, aos case 200 nenos e nenas que se atopan nestes momentos mellorando a nosa principal riqueza, a nosa contorna". 
 
O edil de Medio Ambiente agradeceu a participación de Albia Funerarias. "En marzo, prantamos case 200 árbores na contorna natural do Con da Romaíña cedidos por esta empresa e creamos un novo pulmón verde non municipio. E hoxe seguimos aquí coidando o noso medio ambiente", apuntou.
 
Pola súa banda, Elena González, supervisora do negocio de Albia Servizos Funerarios, asegurou que "é o momento de pasar á acción para lograr uns obxectivos de desenvolvemento sustentable óptimos e non hai mellor forma de facelo que a través de escolares e do Concello de Sanxenxo. É moi importante a unión de empresas, administracións e comunidades educativas para pasar do discurso á acción".
0
0
0
s2sdefault