Concello de Sanxenxo - O CENTRO DE DÍA REABRIRÁ ESTA SEMANA CON 30 USUARIOS E BAIXO UN ESTRITO PROTOCOLO ANTICOVID
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas



O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Servizos Sociais, Daniel Arosa, visitaron onte as instalacións acompañados do director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo

O Centro de Día reabrirá esta semana con 30 usuarios e baixo un estrito protocolo anticovid. O mércores, día 9, incorporaranse os primeiros 9 usuarios e o xoves, día 10, os outros 21. Nas últimas semanas realizouse unha posta a punto das instalacións, con pequenas obras de reparación, limpeza e desinfección dos espazos e acondicionamento dos xardíns exteriores. A actividade retomarase cunha nova furgoneta adaptada de 7 prazas que, unida a outra de similares características, mellorará a calidade do transporte dos usuarios.

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Servizos Sociais, acompañaron onte ao director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antonio Acevedo, na visita ao Centro de Día. "Sei que esta apertura é moi importante para moitas familias do municipio e para moitos usuarios que veñen a este centro. Facémolo agora coas maiores garantías posibles e cun servizo acorde a situación actual", explicou o alcalde, Telmo Martín.

O percorrido polas instalacións estivo guiado pola directora do Centro de Día, María Insua, que se encargou de explicar o protocolo de atención, aprobado pola Xunta de Galicia, no marco da actual situación sanitaria. Un plan que o director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, cualificou de "espectacular" do mesmo xeito que as instalacións de case mil metros cadrados. "Hai que felicitar ao Concello e ao persoal do Centro de Día polas grandes instalacións que teñen e polo ben que estableceron o protocolo".

O Plan Anticovid do centro marca grupos burbulla de convivencia estable de 10 usuarios e divididos por espazos. As instalacións, cuxa limpeza dos espazos comúns será reforzada, contarán con xel desinfectante e será obrigatorio o uso de máscara. Para ofrecer unha maior seguridade realizaranse test periódicos. Ademais, mentres non se completou o proceso de vacinación, realizarase un plan de cribado: Un test de antígenos a todos os usuarios e traballadores cada 15 días e unha proba PCR cada mes a un terzo dos mesmos. Cando se complete e transcorran polo menos 14 días desde a segunda dose de vacina, só se realizarán test de detección Covid 19 a aqueles que presenten síntomas.

O horario do Centro de Día manterase de 9 a 19:30 horas e dispón de 80 prazas totais para usuarios.

0
0
0
s2sdefault